Ramona Maneiro, amiga do tetrapléxico sonense Ramón Sampedro, recoñeceu finalmente que foi ela quen lle deu o vaso cunha solución de auga con cianuro que lle causou a morta. Sete anos despois, o crime xa está prescrito, e Ramona Maneiro non pode ser xulgado por el. "Púxenlle no vaso a cantidade de auga que el me dicía, boteille aquela cantidade de cianuro, coloqueille a palliña e pousei o vaso onde el quería", explicou Ramona Maneiro, que quedou detrás do obxectivo da cámara de vídeo que filmaba o suicidio de Sampedro. Coa súa morte, Ramón Sampedro converteuse nun referente da loita a prol da eutanasia. Lembrámoslles que Xerais acaba de reeditar a súa poesía, e que a súa vida inspirou o filme de coprodución galega Mar Adentro.