Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Concha Costas fala en Barcelona

A presidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Concha Costas, falou na Universitat Autònoma de Barcelona sobre o estado actual do uso do galego e explicou tamén as liñas mestras da actuación da Mesa encol da normalización do noso idioma.

Asemade, o semanario barcelonés "El Triangle" recolle, na súa edición do 3 de marzo, nun artigo as refelexións de C. Costas, moi críticas co xeito con que o goberno da Xunta está a aplicar a Lei de Normalización Lingüística (LNL).

- 23:39 08/03/1999
Tags:

Concha Costas trouxo baixo do brazo á Universitat Autònoma as conclusións do Mapa Sociolingüístico de Galicia elaborado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, do que se valeu para facer unha análise dos índices de coñecemento, uso e actitudes que a sociedade galega ten do seu idioma.

Un dos datos máis salientábeis que se desprende deste informe é o elevado número de persoas que usan o galego como lingua habitual, mais con claras diferencias segundo a idade, sendo a xente máis vella a que usa decote o galego. Pola contra, canto máis novos máis tendencia ao uso do español. Para a presidenta da MNL isto demostra que segue activa a tendencia á substitución, ao cambio lingüístico en detrimento da lingua propia.

C. Costas explicou tamén os obxectivos e actividades que, desde a súa fundación no ano 86 ata o día de hoxe, a MNL está a levar en todos ámetos sociais de Galiza. En primeiro lugar suliñou que a Mesa é unha plataforma apartidaria, plural e independente co único obxectivo de promover o uso do galego en todos os ámetos da vida social, amais de denunciar cando cómpre calquer tipo de agresión ou aminoramento que poida sufrir a lingua galega e asegurar o seu uso individual e colectivo.

Basicamente a Mesa tenta sensibilizar á poboación do uso da lingua que lle é propia e que ésta abra novas vías para a súa consolidación. Para isto, a Mesa, preséntase como un foro común no que se procura implicar nas súas accións a todo tipo de organizacións, institucións e empresas.

Entre as accións que de xeito permanente leva a MNL destacan as de índole sensibilizadora e as reivindicativas. Nas primeiras prima o elemento informativo cara á poboación (direitos, subvencións, etc.). Nas segundas prima a denuncia de situacións discriminatorias, dirixidas sobre todo contra actuacións institucionais discriminatorias (como o Concello de A Coruña) ou de grandes empresas (como Seat ou Microsoft) que fan caso omiso da actual Lei de Normalización Lingüística.

En canto ao ámeto da empresa é salientábel a campaña de reparto de cartaces co texto "Rebaixas", ou a de asesoramento para a petición de subvencións, ou a de etiquetaxe en galego. Neste sentido é importante suliñar que non só se usa o tono reivindicativo, senón que a Mesa louba publicamente a aquelas empresas ou organizacións que dignifican o uso do galego, como no caso recente da felicitación á Area Central de Compostela.

Pero o paso de C. Costas por Cataluña deixou tamén outras pegadas importantes, como é a publicación dun artigo polo semanario barcelonés El Triangle no que a presidenta usa un tono durisimo á hora de facer balanzo do traballo da Xunta encol da defensa da lingua. Critica a concepto de "bilingüismo harmónico" auspiciado pola Xunta do PP e que tenta agochar o conflito que existe entre o uso do galego e do español. É unha tese confusa que tenta anestesiar o problema e que a certos sectores da sociedade vaille ben porque tranquiliza e dá certa comodidade.

Ademais destaca o patético papel que desempeña a Xunta de Galicia en canto á aplicación da Lei de Normalización que, se temos que pensar que se aplica con boa fe, a conclusión é a incompetencia dos responsábeis. Casos como a posta en escea dunha obra en español polo Centro Dramático Galego; ou o de enviar ás escolas vídeos en español de reforzo a asignaturas que deberían por lei impartírense en galego; ou a nula intervención da Xunta para que empresas da importancia de Microsoft lancen os seus produtos en galego, etc. De feito, según se desprende da conversa de Costas co "Triangle", o governo de Fraga non é quen de desenvolver de maneira efectiva a propia Lei. A viaxe ao centro do PP galego parece ir un tanto escorada á direita.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: