O dobre de tendas, o dobre de empregados... alén de consolidar o negocio con cifras moi por riba da media da competencia, Inditex quere duplicar todos os seus números cara o 2008 do mesmo xeito que xa o fixo nos cinco anos pasados. Avanzouno este luns o seu vicepresidente, José María Castellano, na sesión de apertura do foro galego para emprendedores. Os presidentes dos grupos Calvo e Gadisa e representantes de Pili Carrera, Movelis e Pórtico, estiveron entre os conferenciantes da xornada inaugural.
Un modelo de negocio flexible e integrado é a clave do exitoso desenvolvemento de Inditex, segundo afirmou o seu vicepresidente e conselleiro delegado, José María Castellano, quen explicou como artella o grupo as súas áreas de deseño, tenda, fabricación e fornecemento, e distribución e loxística, convertíndoa nun modelo de compañía atípico no mercado no que compite.
A elevada capacidade de resposta que este sistema lle dá a Inditex é a clave, segundo Castellano, de que o grupo se mova en cifras de crecemento dun 24% no mesmo período en que a media do sector textil está no 0,9%, nun contexto onde os prezos diminúen nos últimos anos, as familias gastan menos en roupa e o número de competidores pola cota de mercado aumenta. Castellano advertiu que esa estratexia no mercado mesmo fai competitivos os productos do grupo fronte a outras empresas que centran a súa producción en países asiáticos. Defendeu que Inditex mantén o 51% da súa producción "fabricándose en proximidade (España, Portugal e Marrocos)" e que o deseño estratéxico do grupo, cun 92% de rede de distribución propia, ofrece á fin maiores vantaxes económicas que a opción da deslocalización empresarial.
O emprendedor "non nace, faise"
A necesidade de fomentar o emprendemento en Galiza coma eixo fundamental para turrar da economía do país é obxectivo destas xornadas, que se desenvolven de xeito simultáneo en todos os campus galegos. Creatividade, aposta pola innovación continua e perda do medo ao fracaso foron algúns dos puntos que priorizaron os representantes do empresariado galego que reflexionaron sobre a súa propia experiencia durante esta xornada inaugural.
"O peor fracaso é non telo intentado", comentou Emilio Castro, xerente de Pórtico. No mesmo sentido, Xosé Manuel Núñez, conselleiro delegado de Movelis Software, comentou que "a peor decisión é a que non se toma". "Merece a pena arriscarse", dixo Pili Carrera, directora adxunta da empresa que leva o seu nome, quen destacou a importancia da consolidación dun bo equipo humano no contorno do proxecto. "A xente quere novidades continuamente", subliñou José Luis Calvo, presidente do grupo conserveiro fundado hai corenta anos por seu pai. Pechou as intervencións Roberto Tojeiro, presidente de Gadisa, quen destacou a necesidade da aprendizaxe continua: "aprender da competencia e facelo mellor", coa meta última de "facer feliz ao cliente".