Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A EVOLUCIÓN DO PPdeG

Da Baviera fraguista á provincia de Aznar

Na crúa travesía do deserto do PP, durante a fase triunfal do PSOE felipista, Galiza foi o reduto de poder da dereita conservadora. Na xeopolítica estatal trazada polos estrategas do felipismo, Galiza era un feudo, marxinal e secundario, que podía ser cedido ao usufruto do Partido Popular como un recurso para a súa integración na gobernabilidade xeral do Estado e como unha compensación pola súa leal oposición no seo do bipartidismo harmónico polo que sempre avogou Manuel Fraga.

- 15:58 21/10/2004
Tags:

Coa asunción do liderado do PP por José María Aznar, o goberno de Galiza tornouse no balneario institucional elixido para o retiro de Fraga. Desde aquela, nos últimos gabinetes de González e no primeiro mandato de Aznar, o autogoberno galego, Fraga e a súa proposta de Administración Única foron un ariete para frear as tendencias soberanistas de Cataluña e Euscadi. Coa maioría absoluta do PP nas eleccións de 2000, Galiza e o PP-G experimentarán unha agudísima perda do seu xa minguado peso político.

O reforzamento da autoridade central do PP e o crecente intervencionismo do «goberno amigo» restaranlle substancia ao proxecto autonomista do fraguismo. A crise do Prestige amais viu evidenciar a subalternización do Goberno galego aos mandatos da rúa Xénova e foi usada como pretexto para esmagar a ilusión cuiñista dun PP-G como «partido nacional galego» disposto a chegar até a fronteira da autodeterminación.

Da sociedade pasiva ao país do Nunca Máis.

Unha das claves da consolición da hexemonía do PP-G foi a domesticación da sociedade civil galega. O PP conformouse tamén como un partido de ocupación da sociedade de acordo coa consigna cuiñista de «un comité do partido en cada aldea». As vitorias conservadoras doutrora repousaron en gran medida na solidez da «súa» sociedade civil. Na última década o Partido Popular impulsou unha auténtica revolución desde arriba para crear un tecido asociativo subalternizado e desmobilizado que fose unha cuña de submisión política e un sostén básico da hexemonía conservadora en Galiza.

A fortaleza política da dereita radicou significativa, pero non exclusivamente, no uso clientelar da Administración galega e no control directo ou indirecto dos medios de comunicación, mais tamén na súa capacidade para organizar, desde o poder autonómico e local, a cidadáns que comparten a súa política e valores no entramado dunha sociedade civil pasiva. O «asocionismo popular» tece unha rede de solidariedades políticas indiscutidas sempre dispostas a acudir en axuda dos seus goberantes en momentos de conflito ou protesta social aguda.

A emerxencia do movemento cidadán de Nunca Máis, cando a catástrofe do Prestige, quebrou, ben que parcialmente, o hexemonismo social do PP e evidenciou a existencia dunha sociedade civil rica, plural, democraticamente esixente, con capacidade de autoorganización e vontade de asumir unha participación responsábel no futuro do país; e subliñou, en definitiva, a fondura da crise da hexemonía social do PP e a ruptura de moitas dos vellas atumes.

Do xefe supremo ao relevo imposíbel .

Xestado como un sumatorio de liderados provinciais, a primeira andaina do PP-G adoeceu dun liderado firme. Xerardo Fernández Albor, repescado do lobby de Realidade Galega, sintetizou a imaxe do líder feble sostido por todopoderosos baróns territoriais. O baleiro de poder de Albor ocupouno até a súa defenestración Barreiro Rivas, auténtico home forte do goberno galego e deseñador da primeira estratexia galeguista do PP-G.

A chegada de Manuel Fraga cancelou a crise de liderado da alternativa conservadora en Galiza e permitiu o reforzamento de Cuiña como segundo ao mando no partido e no goberno sen fender o dominio das xefaturas provinciais de Romay, Cacharro Pardo e Baltar. A deteriorada saúde do presidente aviveceu nos últimos catro anos un continuo reposicionamento dos líderes de segundo nivel para optar a súa sucesión.

Tras case catro mandatos consecutivos, Manuel Fraga canibalizou politicamente á práctica totalidade dos seus colaboradores no goberno da Xunta até o punto de que os dous novos Vicepresidentes, Alberto Núñez Feixoó e Xosé Manuel Barreiro, os mellor posicionados para relevarlo, son case que uns recén chegados ás máis altas tarefas de goberno. Na orde interna do PP-G Fraga é dificilmente substituíbel e resulta imposíbel pactar unha sucesión sen traumas até o punto de que o máis seguro é que Fraga morra politicamente sen ter deixado nomeado ao seu herdeiro.

Do conservadorismo dinámico ao inmobilismo conservador.

O primeiro mandato de Manuel Fraga respondeu ao impulso dun conservadorismo dinámico. A limitadísima activación da Administración galega e un galeguismo rebaixado de rexionalismo estaban dirixidos estratexicamente a borrar a pegada institucional do goberno tripartito, a ocupar o espazo político do centro-dereita galeguista e a frear a emerxencia electoral do BNG.

A esta brevísima etapa de conservadorismo dinámico sucedeu un delongado período de inmobilismo absolutista que chega ao momento presente. O fraguismo caracterizouse por promover un autogoberno débil e por institucionalizar un réxime de partido ultradominante debilitando as canles de participación democrática e patrimonializando partidariamente a Administración galega.

O legado do fraguismo é unha autonomía esgotada pola infrautilización das súas posibilidades de autogoberno e a estas alturas é máis que evidente que o Partido Popular carece dun programa director das políticas públicas no noso país. A gobernabilidade conservadora de Galiza viuse así cuestionada pola incompetencia dos gabinetes de Manuel Fraga para activar políticas públicas –nomeadamente no tocante á defensa e ao desenvolvemento produtivo da economía galega, á dotación das grandes infraestruturas e ao fortalecemento dos servizos públicos básicos–; e mais pola súa incapacidade para resolver positivamente, mediante o diálogo coas outras forzas políticas e as organizacións cidadás, os conflitos derivados das situacións de crise económica e social. O modelo de gobernación do PP-G, afianzado por Manuel Fraga nos últimos anos, resúmese na consigna ultraconservadora de «orde sen progreso».


0/5 (0 votos)