Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barbanza

Edición xestionada por Adolfo Muíños
RSS de Barbanza
DE CARROCEIRA DE COCHES A XESTIONAR SERVIZOS CONTRA INCENDIOS

Privatizando servizos públicos: parques de bombeiros

Recentemente se abriron ao longo do país varios parques comarcais de bombeiros. No que atinxe á provincia da Coruña integrados nun Consorcio Provincial con participación da Xunta de Galiza, a Deputación Provincial e, nalgúns casos, polos concellos. O modelo de concesión a unha empresa privada da xestión é obxecto de análise deste artigo que entronca coas reflexións que os sindicatos realizaron a través dun manifesto no que reclaman a creación dun Servizo Público Galego de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento.

- 11:10 26/10/2004
Tags:

Coa flamante presenza de representantes políticos, contentos cos seus coches de bombeiros do trinque véñense de inaugurar diferentes parques comarcais en Ribeira, Boiro, Arzúa... Fronte á compracencia dos políticos, os catro sindicatos maioritarios asinaron un manifesto que cuestiona os pasos dados pola Xunta de Galiza.

No noso país comezouse cos edificios e os coches, evidentementre necesarios tamén, investindo millóns de euros en construccións e equipamentos, mais se esqueceu o resto. Neste senso Galiza carece hoxe dun axeitado marco de seguridade, fronte a outras comunidades que veñen implantando servizos de prevención, extinción de incendios e salvamento, xunto a leis reguladoras deses servizos no que atinxe á organización funcional, finaciamento, dotación de materiais e humanos, formación do persoal, réxime estatutario.

Outro dos elementos disonantes da decisión tomada pola Xunta consiste en poñer os recursos públicos nas mans da empresa privada, lucrativa por definición, para xestionar un servizo esencial. Empresas privadas como Veicar, reconvertida de carroceira de vehículos a xestora de varios parques da provincia da Coruña. Desde os sindicatos cuestionase a aposta do PP por estas concesións privadas, nas que o elemento económico e lucrativo podería primar sobre a eficacia dos servizos, aforrando mesmo en recursos humanos. Cando as directivas europeas nos falan de tender a un bombeiro por cada 1.000 habitantes, en Boiro e Ribeira asistimos a unha ratio de 5.578 hab. por bombeiro. Folgan os comentarios. E isto sen engadir que se pretende cubrir unha extensa área de 600 quilómetros cadrados e nove concellos, con varios polígonos industriais e empresas.

O persoal ao servizo da empresa está tamén en precario, na nómina dunha empresa privada, con salarios inferiores a compañeiros da función pública, cando se arrisca a vida de igual modo, sen carreira profisional definida, sen mobilidade. Por non citar as eivas iniciais en preparación e formación diante dos requisitos de acceso esixidos aos bombeiros profisionais do sector público, funcionarios, capaces de asumir unha función inspectora, protocolos de actuación diante de sinistros (entrada en vivendas, evacuación, implantación de plans de emerxencia e previsión de riscos) funcións reservadas a axentes da autoridade e encomendadas a funcionarios como estabelece a Lei Estatal e a maioría da lexislación autonomica.

Son diferentes eivas do modelo seguido pola Xunta do PP, coa complicidade de deputacións e concellos, e que alonxa do obxectivo da creación dun Servizo Galego de prevención, extinción de incendios e salvamento con cobertura de todo o territorio, coesionado e coordinado. Coma en sanidade intereses privados se mixturan co servizo público cuns criterios de aforro difícilmernte compatíbeis.


0/5 (0 votos)