Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
ANTES E DESPOIS DE BESLÁN

Putin e os dereitos humanos

O conflito checheno e, en concreto, o seu último e tráxico acto en Osetia, ten un paralelismo claro co 11-S de Bush. É para Putin a escusa perfecta para o recorte de liberdades democráticas en aras da seguridade nacional. Porén, a comunidade internacional non usa a mesma vara de medir con Putin e Bush. Hai tempo que o ruso está no punto de mira dos analistas internacioanis e dos defensores dos dereitos humanos. Un artigo de Iria Alonso.

- 11:28 13/10/2004
Tags:

Un conflito que é unha guerra. Unha guerra con arritmias. Putin ten en Chechenia o Iraq de Bush. Un filón de ouro que se pode volver virar treboento. Por varias razóns. Por seren unha excusa perfecta para implementar un recorte nas libertades democráticas en aras á seguridade nacional e porque o resitúa no debate internacional acerca do terrorismo global.

Foi o mesmo que aconteceu tras o 11 de setembro en Estados Unidos. Un paralelismo interesante. Porén, Putin teno complicado. Porque a vara de medir non é a mesma, como el recoñecía nos medios de comunicación internacional. Hai tempo que Rusia está no foco dos analistas internacionais e dos defensores dos dereitos humanos. Estará na corda frouxa Putin e o seu modelo? Que consecuencias van supor as recentes medidas adoptadas por Putin? Que interese xeoestratéxico pode ver Bush na rexión ao criticar a actuación de Putin cando ambas as dúas reaccións son comparábeis?

Reformas políticas e ataques preventivos

Agora ben, a alarma saltaba novamente este setembro. Nada sabiamos de Osetia do Norte e aínda menos dunha escola como moitas outras, viva e resistente á súa maneira, ate hai ben pouco. Traxedia, imprudencia, raiba e desconcerto. O coktail perfecto. Un grupo de chechenos armados –dos que descoñeciamos o seu liderado até case dúas semanas despois-, reivindicaba a saída do exército ruso e a independencia de Chechenia.

Novamente, a falta de encontro entre partes non foi posible. Foi un desbordamento mediático e visual, como os de Nova Iorque ou os de Madrid. Catro días de tensións. 330 mortos. 196 nenos e nenas. Nais e profesoras. Soldados tamén mulleres: as viúvas negras. Desesperación en ambos os dous lados. Expertos en solución de secuestros, militares, profesionais, criticaron as medidas ao considerar que se tiñan vulnerado códigos de conduta.

Había un precedente: o asalto a un teatro de Moscova no 2002 no que morreron boa parte do comando e dos reféns. No seu día a actuación das forzas especiais rusas xa fora moi criticada pola utilización de gases que acabou coa vida de terroristas e dos secuestrados. Neste mesmo ano, no mes de maio, o presidente checheno, Akhmat Kadyrov, -pro ruso-, era asasinado nun ataque terrorista. O obxectivo era deslexitimar o referéndum que adhería Chechenia á Federación. Un proceso complexo e escuro que foi o resultado da renuncia do anterior presidente checheno, nunca recoñecido dende Moscova e nunca convidado para atopar unha vía negociadora e evitar o desmembramento da sociedade civil naquel territorio.

As reformas de Putin

No discurso á nación do día 13 de setembro Putin é claro. A solemnidade impregna todo o fío argumentativo. Reformas políticas como solución ao estado de terror e a fraxilidade do sistema. Unidade do país, fortalecemento das estruturas estatais e confianza nas autoridades son os obxectivos. A creación dun sistema eficaz de seguridade interna, nun marco estatal máis centralizado e no que se restaure a responsabilidade institucional.

Eis, as declaracións de Putin apuntan a unha reforma electoral sustancial, na que se elevaría a fronteira do 5 por cento para ter representación, o que reduciría o número de forzas políticas na Duma. Elimina a elección de sufraxio directo para gobernadores e presidentes locais, xunto coa supresión da metade dos deputados en circunscricións uninominais e propón un sistema proporcional para a Duma. Para o Tehrantimes, Putin "acabará coas carreiras individuais que estaban reservadas para a metade dos asentos e garantirá a presencia de grupos pro kremlin". Paradoxalmente, invita á participación da sociedade civil no novo proxecto e expresamente a ONGs.

Asemade, o presidente ruso anunciaba cunha firmeza táctica a utilización de ataques preventivos contra calquera lugar do mundo e ofrecía un rescate a quen lle entregara aos líderes do comando. Porén, compaxina este alarmismo mediático coa creación dunha axencia federal para loitar contra o terrorismo e un novo Ministerio Responsable de asuntos étnicos e dos temas rexionais.

Na Federación Rusa, cunha poboación de 143,2 millóns de habitantes- datos do 2003- o 80 por cento da poboación é rusa concentrándose os musulmáns na zona do Volga, Bashkirs e no norte do Caucaso. No seu informe, Putin asume como causa do aumento dos número de disidentes nas filas terroristas a difícil situación económica do norte do Caucaso, onde o desemprego é varias veces máis elevado que no resto de Rusia.

É preciso lembrar que, en marzo do 2004, Putin foi reelexido cun 70 por cento dos votos fronte ao candidato comunista, cun 14 por cento. A eliminación do único rival vencellado a problemas de corrupción revalida un ascenso que comenzaba en agosto do 1999 e que semella agora imparable.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 89, outubro 2004)


0/5 (0 votos)