Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VIVIMOS NUN MUNDO MÁIS SEGURO?

"A resposta militar non enfronta a ameaza terrorista, atrás diso hai outros obxectivos"

"Obxectivos máis tradicionais: xeoeconómicos e xeoestratéxicos" son os que estarían condicionado as accións emprendidas, fundamentalmente polo goberno dos EEUU, que disfraza as accións como loita á "ameaza terrorista". Á beira, constátase a "marxinación dos grandes problemas vencellados coa inxustiza e a exclusión social en proveito de disputas sobre o terrorismo e o privilexio de respostas militares". Falamos con Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid.

R.Noguerol - 13:29 10/09/2004
Tags:

Todos os gobernos se apuntan a esa loita contra o terrorismo, tamén os democraticamente máis cuestionados... o presunto compromiso oculta outros intereses?
Con toda evidencia. Estes gobernos están interesados en sumarse ao carro porque iso ten varias vantaxes. Por unha banda desvía a atención do conflictos na orixe de actos de terrorismo: Chechenia é bo exemplo. Por outro lado, dalles carta branca para a aplicación de medidas máis radicais.

Nos discursos dos líderes políticos e os plans logo dos atentados fálase de oportunidades, pero non acendeu o 11S máis conflictos no planeta?
Está claro. A política sanguinaria nese sentido dos EEUU ten engrandado o caldo de cultivo para que se dean respostas fóra de control ás situacións. O informe anual do Centro de Estudios Estratéxicos de Londres, organismo pouco sospeitoso de esquerdismo militante, foi claro nesa análise: as agresións dos EEUU en Afganistán e Iraq tiveron nefastas consecuencias, entre estas, a expansión internacional de Al Qaeda que hoxe está presente en máis de 60 países. Máis que enfrontar a ameaza terrorista, vemos que as accións emprendidas dende aquela responden a obxectivos máis tradicionais: xeoeconómicos e xeoestratéxicos. O terrorismo é escusa para levar adiante as medidas máis extremas, o terrorismo de Estado entre elas.

O debate sería outro sen o 11S, falamos dunha escena lastrada por este episodio?
Si, o grande beneficiario é a dereita USA máis ultramontana, xa que lle deron pé a poder desenvolver determinadas medidas que noutras condicións serían menos sinxelas. Eu creo que os EEUU non están en loita contra o terror, senón con inimigos dos seus grandes intereses sexa cal sexa a condición destes.

xestionaron erradamente os EEUU o estado de opinión da comunidade internacional nese momento? Tería sido diferente a situación de estar os republicanos no poder?
Probablemente, pero a escena final sería similar. Non aprezo que existan grandes diferenzas entre Kerry e Bush nese sentido. Hai que lembrar que Clinton foi responsábel da morte de máis iraquís do que Bush, mantendo durante o seu goberno un embargo macabro que lle fixo moito dano ao pobo iraquí.

Hai oportunidades dende as Nacións Unidas a medio prazo para un cambio global de estratexias?
As institucións da ONU foron creadas polas grandes potencias gobernantes e non perderon por desgracia esa condición de submisión. O seu papel en relación cos agravios estadounidenses ten ido coa lexitimación vergoñenta. Terían que mudar moito as regras de xogo para que recupere o seu creto, e non é probábel.

Pensa vostede que o conflicto Palestina-Israel agrava aínda máis a tensión internacional? Mesmo que é referente que envelena os debates?
Sen dúbida. Boa parte dos problemas en Oriente Próximo xorden de feito do apoio indiscriminado dos EEUU ao mantemento do estado das cousas, moi especialmente á política criminal de Ariel Sharon, política a do primeiro ministro israelí, profundamente inmoral e en extremo pouco intelixente. O proceder de Sharon conduce por necesidade a un crecente enfrontamento entre as opinións públicas, a unha crise política que implica a un amplo abano de países. Paradoxalmente, semella que Israel licitase as regras do xogo da política nos EEUU.

Eu intúo que Sharon é máis intelixente do que parece e que o seu obxectivo, aceptado polos EEUU, pasa por unha nova e masiva expulsión de palestinos. Hai que lembrar que Sharon tamén colocou a Israel nunha crise económica feroz, algo que antes ou despois estoupará. É significativo por exemplo que hoxe en día os empresarios israelís estean a darlle as costas a Sharon.

O debate sobre o terrorismo monopoliza os grandes discursos, non amosa o 11S un punto de inflexión nos intereses da axenda, máis cancelas a temas sociais que teñen complicada entrada ás prioridades?
O que ten acontecido é que fronte a unha ofensiva bestial da dereita tradicional tivemos que promover un escenario de debate marcado por cuestións máis xerais que estas artellado en tres grandes críticas: o vigor do terrorismo de Estado; a primacía mediática de fórmulas de dobre moral, tratando de forma diferente, con outros criterios a 'amigos' ou 'inimigos'; e a marxinación dos grandes problemas vencellados coa inxustiza e a exclusión social en proveito de disputas sobre o terrorismo e o privilexio de respostas militares.


0/5 (0 votos)