Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA MORTE DO POETA DA TERRA CHÁ

Convocan actos de homenaxe a Manuel María

Varias das entidades e asociacións ás que o escritor estivo vencellado participaron nunha rolda de prensa na que se deron a coñecer os actos que se desenvolverán durante o día de hoxe, 9 de setembro e o de mañán, día no que se celebrará o enterro en Outeiro de Rei.

- 15:30 09/09/2004
Tags:

A AS-PG, asociación do ensino coa que Manuel María colaboraba habitualmente, fixo un chamamento a través do seu presidente Xoán Costa aos ensinantes e alumnos galegos para que participen activamente na lectura de textos que terá lugar desde as 17:00 horas ate as 19:00 do xoves. Mª Xosé Jamardo, secretaria da Mesa pola Normalización, da que era socio desde o seu nacemento, fixo un chamamento para que o público participe nas distintas actividades e reiterou o seu agradecemento por "todo o que fixo polo idioma". Desde as 19:00 serán os actores e os representantes do mundo das artes escénicas os que leven a voz os seus textos tamén no auditorio do Museo do Pobo Galego e foi o presidente da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena, Cándido Pazó o que lembrou o vencello de Manuel María co teatro ao tempo que reivindicaba a publicación dalgún dos seus textos como Aventura e desventura dunha espiña de toxo chamada Berenguela que está esgotado. Pola súa parte, o secretario da Asociación de Escritores en Língua Galega, Carlos Negro destacou o seu papel na dinamización e a normalización da nosa literatura e convocou aos escritores á lectura de textos que terá lugar o xoves ás 12:00 horas, despois de que as 10:00 horas distintos representantes da música galega lle rendan homenaxe ao que tanto fixo pola nosa cultura e deu letras para unha manchea de cancións.

PROGRAMA DE ACTOS

Xoves 9 de setembro:
17:00: lectura de textos por parte de alumnos e profesores
19:00 homenaxe dos actores e representantes das artes escénicas

Venres 10 de setembro
10:00 lembranza de músicos
12:00 lectura de textos por parte dos escritores
16:00 a comitiva sairá do Panteón de Galegos Ilustres cara Outeiro de Rei
18:00 acto funerario na capela de Santa Isabel en Outeiro do Rei.


5/5 (1 votos)