"Entre as 12h30 e as 13h. oio que había detonadores e unhas cintas". Abriu con novidades a rolda de comparecencias fronte á comisión do 11M, iniciada coa declaración do porteiro de Alcalá de Henares que viu a furgoneta usada polos terroristas. Segundo esta primeira testemuña, Interior tería atopado as pegadas horas antes da hora anunciada polo daquela ministro de Interior e que consta no informe oficial.
11M, toda a verdade en tempo real é o título do informe oficial no que se apoia o PP na defensa do proceder do ministerio de Interior durante aquel día relacionando a ETA cos atentados. Entre os datos concretos alí recollidos, asegúrase que non é ata as 15h30 cando a furgoneta atopada chega á comisaría de Canillas e se detectan os detonadores e a cinta de casete con caracteres árabes.
Preguntado polo deputado Martínez Pujalte, representante do PP na Comisión, Luis Garrudo, o porteiro do edificio de Alcalá que viu sair os tres sospeitosos da furgoneta onde logo se atoparon os restos de explosivos, realizou unha descripción do acontecido segundo a cal serían falsos varios datos dos comunicados oficialmente polo ex ministro Acebes.
Así, non só sería inexacta a hora na que segundo Acebes se atoparon a cinta e os explosivos, senón que a policía xa traballaría para daquela con opcións que non consideraban a ETA na investigación e no interrogatorio que a policía lle realizou a Garrudo os axentes terían insistido en determinar se os homes saídos do vehículo eran extranxeiros.