"Foi unha oportunidade histórica para resolver o problema". O enviado especial das Nacións Unidas, Álvaro de Soto, laiouse do fracaso do referendo para a reunificación da illa mediterránea, a unha semana da entrada na Unión Europea, e confirmou que o organismo internacional pecha oficina no país. O voto en contra do 76% dos grecochipriotas impediu o éxito do plan da ONU para a zona, apoiado masivamente nas urnas polos turcochipriotas. Dende a beira turca agárdase que a postura favorábel dos seus cidadás sirva para rachar o illamento internacional no que viven. As acusacións da comunidade internacional van cara ao presidente da beira grega, que vén de insistir en que o plan de Kofi Annan "estaba desequilibrado".