Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PUBLICIDADE

i-Nova presenta solucións ao problema dos virus informáticos nunha xornada aberta

A seguridade informática e os virus, considerados o principal problema de empresas e particulares, centrarán as ponencias dunha xornada específica, aberta e gratuíta, do Centro de Demostración Tecnolóxica, i-nova, en Vigo. As conferencias, nas que participarán Panda Software, Bit Defender, Symantec e Trend Micro, abriranse o xoves 29 ás dez da mañá na Sala de Conferencias do Centro Social Caixanova na cidade olívica. Os asistentes recibirán información e materiais das empresas participantes. Para máis información, pódese consultar a web de i-nova ou chamar ao teléfono 902 922 122.

- 02:26 17/05/2004
Tags:

A xornada abrirase coa ponencia de José Manuel Crespo, director de marketing de Panda Software, quen falará encol das Novas estratexias de antivirus. Seguiralle no turno de palabra Alfonso Tapia, director de zona de Bit Defender, quen explicará as súas ideas sobre Seguridade integral para pymes. A terceira intervención, logo da pausa para o café, será de Xavier García, técnico de Symantec, sobre Medidas necesarias para unha protección global da empresa. A xornada pecharase con Ana Torrijos, de Trend Micro, quen abordará a Evolución dos códigos maliciosos: cómo combatir as novas amenazas. As persoas interesadas poderán visitar as instalacións de i-nova no transcorrer da mañá.

Con esta sesión, i-nova continúa coa súa liña de sesións tecnolóxicas que se veñen desenvolvendo dende o pasado mes de decembro cunha periodicidade aproximada dun evento cada tres semanas. Tras o éxito da xornada sobre tecnoloxía wi-fi, o calendario inclúe proximamente outra sobre imaxe e vídeo en internet. Igualmente, i-nova participa activamente na celebración do Foro Tecnoatlántico os días 19, 20 e 21 de maio.

i-nova constitúe un ambicioso proxecto para axudarlles ás empresas a enfrontarse con éxito ós desafíos da evolución continua en materia de novas tecnoloxías, os métodos de traballo e os sistemas de comunicacións. Impulsado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e Caixanova, en colaboración coa dirección xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial da Xunta, a iniciativa conta co operador R como socio tecnolóxico. A día de hoxe, máis de catrocentas persoas utilizaron, dunha forma ou outra, os servicios que ofrece o Centro.

O Centro de Demostración Tecnolóxica, pioneiro en Galicia, ofrece servicios totalmente gratuitos ás empresas que se acheguen a el. Para formar parte de i-nova, só hai que cubrir un formulario de alta na web ou ben pedilo directamente nas súas oficinas no Centro Social Caixanova (Policarpo Sanz 24, 2º andar). Unha vez feito isto, o interesado recibirá o seu usuario e palabra de paso, que o identifican como membro do proxecto. Desta maneira, poderá asistir a demostracións individuais, sesións de formación e sesións públicas masivas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)