A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH-Galiza) entregou no Rexistro do Parlamento de Galiza máis de 4.000 sinaturas de cidadáns, que se adheriron á campaña para a retirada da simboloxía franquista das rúas. O colectivo estivo acompañado, durante o acto simbólico, dalgúns deputados do PSdG e do BNG.
A entrega das sinaturas, o 14 de abril, é parte dunha campaña máis ampla, iniciada a comezos de marzo, para lograr que as autoridades cambien os nomes das rúas, prazas e institucións que fan referencia ao franquismo e a persoas que estiveron vencelladas coa tortura.
O seguinte acto terá lugar en Lugo, o 23 de abril. A ARMH desenvolverá ás 18.00 horas unha acción na rúa ‘Comandante Manso’ en presencia de asociacións, colectivos convidados, medios de comunicación e representantes políticos do Concello. Ás 20.00 h terá lugar unha presentación oficial da campaña na galería Sargadelos.