A finais de febreiro iniciouse en Beijing unha nova tentativa para acabar coa crise que dasatou o programa nuclear de Corea do Norte. Era a segunda rolda de conversacións na que participaban representantes das dúas Coreas, China, Xapón, Rusia e os Estados Unidos. O valor deste encontro foi antes simbólico que productivo, porque despois da primeira rolda, en agosto de 2003, semellaba case imposible reunir a Corea do Norte e os Estados Unidos nunha mesma mesa de novo. As negociacións concluíron sen un acordo, pero os países participantes decidiron celebrar un novo encontro dentro de poucos meses. O reinicio do diálogo e o establecemento de grupos de traballo xa se debe interpretar coma un éxito.
A disputa entre os Estados Unidos e Corea do Norte intensificouse hai un ano e medio, cando o subsecretario de Estado dos EEUU, James Kelly, dixo que tiña información sobre un programa de enriquecemento de uranio en Corea do Norte. De feito, a preocupación de toda a comunidade internacional aumentou coa reactivación dunhas instalacións nucleares conxeladas baixo o Acordo Marco de 1994. Este acordo ten o fin de acabar co programa militar nuclear de Corea do Norte a cambio do envío de axuda alimentaria e económica. Pyongyang di que o seu programa nuclear é de autodefensa fronte á política hostil dos Estados Unidos e nega a existencia dun programa de enriquecemento de uranio.
Para os Estados Unidos, Corea do Norte non é só unha nación que apoia o terrorismo; o mesmo George W. Bush incluíu na súa famosa frase a Corea do Norte, xunto a Iraq e Irán, no "eixo do mal". Pero Corea do Norte non é Iraq. Non se sabe exactamente cal é a capacidade nuclear dos norcoreanos, pero os Estados Unidos consideran que é razón de abondo para prestarlle atención, sendo, para os norcoreanos, a maneira máis segura de non seren atacados polos Estados Unidos. Como explicou Mark Weisbrot, analista estadounidense do Centro de Investigación Política e Económica: "Saddam Hussein ...mostrou que non tiña inclinacións suicidas. En cambio, unha guerra con Corea do Norte si podería ser máis complicada". Un ataque militar provocaría case seguro unha "guerra grande" na península coreana, cunha devastación total. A choiva radioactiva que podería causar non só esnaquizaría Corea do Norte, o aliado máis fiel dos EEUU en Asia oriental; Corea do Sur e Xapón estarán afectados con certeza e mesmo China e Rusia temen un caos rexional.
Immanuel Wallerstein, o constructor da "Análise dos sistemas-mundo", dixo que a primeira proba da fin da hexemonía absoluta dos EEUU foi a invasión de Kuwait por Saddam Hussein, porque Saddam desafiara ó Imperio, que até ese momento non tiña que probar perante os demais o seu poder ilimitado. Unha situación de semellante importancia é a negativa de Corea do Norte ás esixencias estadounidenses. Pero, ¿que sabemos deste país, que se nega a acepta-la política imperiosa dos EEUU, que demanda, como repetiu James Kelly en Beijing, "o desmantelamento de tódolos programas militares e de forma total, irreversible e verificable" ?
Corea do Norte é un sistema comunista e mantén até o de agora unha posición bastante firme de non abrirse ó mundo e ó mercado internacional como si teñen feito outros sistemas supostamente comunistas como China ou Cuba. Son coñecidos os problemas económicos e humanitarios da República Popular Democrática de Corea, nome oficial de Corea do Norte, e sobre todo a política "dura" do Xefe de Estado, Kim Yong II. Milleiros de nenos e anciáns morren por falla de alimentación cada ano, máis de 200.000 presos políticos están en campos de concentración e o maltrato dos dereitos humanos debe de ser inmenso segundo a pouca información que temos. Existen negociacións entre as dúas Coreas sobre unha posible reunificación, e , así, sobre unha apertura do mercado norcoreano cara o Sur. Pero é moi dubidoso que as conversacións teñan para Corea do Norte outro fin que o aumento das axudas económicas.
Por outra banda, falamos dun país, seica o único país do mundo, que se enfronta publicamente á gran potencia mundial, os Estados Unidos. En moitas ocasións, como nesta reunión en Beijing, Corea do Norte condea publicamente a política norteamericana. Non embargante, aparte da axuda económica e humanitaria, Corea do Norte necesita que os Estados Unidos a exclúan da súa listaxe de países que apoian o terrorismo. As relacións e sobre todo os préstamos de moitas institucións internacionais dependen desta listaxe dos Estados Unidos.
Polo momento, as preocupacións dos seus aliados e da comunidade internacional son razón suficiente para Washington para elixi-la la vía diplomática e abrir negociacións con Corea do Norte. Porque existen obstáculos que nin sequera os EEUU poden ignorar: por unha parte, os resentimentos dos veciños de Corea do Norte, que inflúen na política estadounidense, ou polo seu peso político internacional, como é o caso de China e Rusia, ou como Corea do Sur e Xapón, por seren aliados dos EEUU. E sobre todo, a existencia de armas nucleares e a disposición de Kim Yong II a usalas. Semella que hoxe en día, para salvarse da política estadounidense e evitar unha guerra, fai falla poder nuclear