Unha chamada a Telemadrid, ás 19:45, avisou da existencia dun vídeo depositado nunha papeleira de Madrid. O ministro Ángel Acebes desvelou os seus contidos nunha rolda de prensa esta noite. Abu Dukhan al-Afgani, o responsábel militar al-Qaeda en Europa, asume na fita o atentado e sitúa na xustificación a participación española na invasión de Iraq. Sen embargo, a cadea SER afirmou coñecer a existencia do vídeo xa dende esta mañá. Esta tarde foran detidos tres marroquís e dous indios supostamente relacionados cos atentados.
"Cinco persoas, tres marroquís e dous indias, foron detidos hoxe en en Madrid pola presunta venda e falsificación do móbil e da tarxeta que se atoparon na furgoneta na que estaban os detonadores". O ministro de Interior continúa insistindo en que "non se debe descartar nada" e que "esta é unha operación aberta" e "é unha liña de investigación que acaba de comezar". Tamén se lle tomou declaración a dous españois de orixe india. A cadea SER coñecía as detencións dende catro horas antes de que o ministro as anunciase.
Transcrición do vídeo terrorista:
Declaramos a nosa responsabilidade do que ocorreu en Madrid, xusto dous anos e medio despois dos atentados de Nova York e Wáshington. É unha resposta á vosa colaboración cos criminais Bush e os seus aliados. Isto sucede como resposta aos crimes que causastes no mundo e en concreto en Irak e en Afganistán e haberá máis se Deus o quere. Vós queredes a vida e nosoutros queremos a morte, o que dá un exemplo do que dixo o profeta Mahoma: se non parades as vosas inxustizas o sangue fluirá máis e máis. Estes atentados son moi pouco co que poderá ocorrer co que chamades o terrorismo. Isto é un aviso do voceiro militar de al-Qaeda en Europa, Abu Dughan al-Afgani.