Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

O Cineclube de Compostela inicia nova programación

O Cineclube de Compostela abre a súa programación regular na Sala Yago coa obra mestra do realismo poético de Jean Vigo, L’Atalante, o 21 de outubro. Após esta sesión inaugural, pasarán pola pantalla ao longo deste outono numerosos nomes clave para o mundo do cinema como os de sobra coñecidos Luis Buñuel, con O anxo exterminador, un dos principais filmes da súa etapa mexicana e unha sutil sátira á burguesía, o 28 de outubro; Federico Fellini, cun filme pouco coñecido, 8 ½ (o 9 de decembro) e mais As noites de Cabiria (10 de decembro) ou Charles Chaplin, coa curtametraxe Armas ao ombro, unha crítica antimilitarista, e coa longametraxe O circo (o 18 de novembro).

- 08:05 21/10/2003
Tags:

O cinema moderno tamén terá cabida na programación do Cineclube, con representantes como o alemán de nova vaga Rainer Werner Fassbinder con O medo devora a alma (Chamámonos todos Alí), un dos seus filmes máis reputados, o 4 de novembro; Alain Resnais, formado na Nouvelle Vague, con Providence, o 25 de novembro, e máis o cómico francés, recuperador do slapstick, Jacques Tati, con Traffic, o 16 de decembro.

O Cineclube de Compostela recupera o cinema de xénero, con nomes como Jacques Tourneur (do que se proxectará A noite do demo o 11 de novembro, e Robert Siodmak co clásico do cinema negro Asasinos (Foraxidos) o 2 de decembro. Por último, a primeira vangarda do cinema estará representada polo poeta, pintor e cineasta Jean Cocteau, do que se proxectará O sangue dun poeta, o seu filme máis coñecido e considerado clave para comprender a historia do cinema, o 29 de outubro.

Unha vez ao mes, unha sesión no Auditorio de Xornalismo tentará completar dalgún xeito as proxeccións no Yago. A sangue dun poeta e As noites de Cabiria serán as proxectadas este outono no Campus Norte. Todos os filmes serán proxectados en dúas sesións de 20:15 e 22:30.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: