Os grupos políticos presentes na comisión de seguemento "Abrir Vigo ó Mar", entregaron os informes coas conclusións do proxecto que estudiarán, o vindeiro día quince para presentar no pleno. O PSOE solicita que as obras que se están a desenvolver e as que aínda restan, rematen no 2.001 e, o BNG, que se definan as prioridades á hora de realizar os proxectos destas obras.
O estudio dos socialistas, aconsella asinar un novo convenio e, tamén adiantar ó ano 2.001 o remate das obras. Carlos Príncipe, sinalou que o novo convenio tiña que ter, non só novas datas, sinon uns investimentos claros e polo miudo por cada unha das administracións. No tema, do remate das obras, segundo o Plano Especial do Porto, este debería concluir no ano 2.003, mentres que o candidato socialista, solicita que esta data se adiante ó 2.001. Tamén e para que sirva como carta de presentación da cidade, próponse a creación dun centro lúdico e recreativo no que deberían implicarse tódolos sectores económicos relacionados coa actividade pesqueira e as industrias derivadas. Solicitan os socialistas, a creación dun edificio singular no porto e, que sexa próprio da Capitanía Marítima. A ubicación deste edificio ha ser céntrica e axeitada para os usuarios. Príncipe, quere recuperar a ribeira marítima da cidade desde a Avenida de Beiramar, pasando polo Berbés ata os estaleiros de Barreras. O canditato socialista dixo: "Este fronte marítimo podería aproveitarse para facer un espacio de rehabilitación urbán". Por outra banda o BNG, considera que os principais erros cometidos neste proxecto, polo menos ata o de agora, son: a lentitude nas execucións e, a indefinición en canto ás prioridades das obras. O BNG dixo detectar, unha falta de entendemento e unha certa desgana entre as distintas institucións asinantes do proxecto, é dicir, a Xunta de Galicia, Concello, Autoridade Portuaria e Zona Franca.