Calquera que sexa o réxime político en que Galiza viva, a nosa terra, autónoma ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación. Estas palabras de Plácido Castro, secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista, resumen a transcendencia da participación da representación galega no IX Congreso de Minorías Nacionais Europeas, organismo adxunto á Sociedade das Nacións, reunido en Berna (Suíza) do 16 a 18 de setembro de 1933. Daquela, a comunidade internacional deu a súa conformidade ao recoñecemento da condición nacional de Galiza, da súa identidade diferenciada, con idioma, cultura e costumes propios, e ao dereito a dispor libremente do seu destino. Hoxe, con motivo do 70 aniversario deste evento, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, organiza unha serie de actos para conmemorar esta efeméride. Para ir entrando en materia, recomendámoslles a lectura dalgúns destes libros do director do IGADI, Xulio Ríos e dalgúns dos seus colaboradores. Tamén poden asinar aquí o manifesto conmemorativo.
.