Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Córsega: engrenaxes políticas da vindetta

Por tradición, cando un ministro de Interior francés visita Córsega é que xa as negociacións están, polo momento, pechadas. Ata hai ben pouco tempo as visitas eran contadas, acontecementos que recollían abertas hostilidades: “Giscard, Chirac, Barre, sepultureiros de Córsega, marchade”, berraron os corsos en 1978. En 2003, un ministro de Interior, Nicolas Sarkozy, home forte de Chirac, acumula xa sete visitas á illa. Tantas, que tras manter un diálogo fluído cos nacionalistas, estes estanlle volvendo as costas á ansia do actual goberno francés por facerse a foto da solución da cuestión corsa. Un artigo de Sylvia Gómez Saborido é analista do IGADI

- 08:53 15/07/2003
Tags:

Por tradición, cando un ministro de Interior francés visita Córsega é que xa as negociacións están, polo momento, pechadas. Ata hai ben pouco tempo as visitas eran contadas, acontecementos que recollían abertas hostilidades: “Giscard, Chirac, Barre, sepultureiros de Córsega, marchade”, berraron os corsos en 1978. En 2003, un ministro de Interior, Nicolas Sarkozy, home forte de Chirac, acumula xa sete visitas á illa. Tantas, que tras manter un diálogo fluído cos nacionalistas, estes estanlle volvendo as costas á ansia do actual goberno francés por facerse a foto da solución da cuestión corsa. Un artigo de Sylvia Gómez Saborido é analista do IGADIPrimeiro foi, hai un ano, a promesa de 1,98 billóns dun “Plan Córsega” de axuda ó desenvolvemento, a parte contable do estatuto de 2002. Agora unha xira de dez días, cos que Sarkozy busca tanto o “SI” no referendo trazado polo seu goberno, como meterse ós corsos no peto perante a cidadanía francesa. Isto faino Sarkozy en prol do proxecto estrela do primeiro ministro, o “home das rexións”, Raffarin: a descentralización administrativa do Estado, pola que gran parte dos franceses continentais haberán de pronunciarse ó longo desta lexislatura.

Flocos do Estatuto

Recortado o último estatuto de Córsega por Asemblea francesa, Senado e Consello Constitucional, o proceso Matignon cara á preautonomía corsa sentou publicamente ós nacionalistas á mesa de negociacións. Pactado polo goberno Jospin con Corsica Nazione, principal partido nacionalista con representación, amoldouse perfectamente tralas revisións ó gusto da reforma descentralizadora de Raffarin. Unha reforma que prevé o traspaso de novas competencias ás rexións, que serán introducidas, e terán o seu teito legal, na Constitución.

A supresión da división da illa

Raffarin pretende facer máis fortes as rexións que xa existen por medio do agrupamento ou colaboración: Baixa+Alta Normandía; Baixo+Alto Rhin, Baixa+Alta Córsega... Este é o argumento utilizado para impedi-la creación dunha rexión vasca –que esixiría escindi-lo departamento dos Pirineos Atlánticos- e para favorecer, en cambio, a agrupación dos dous departamentos de Córsega nunha soa entidade. É isto, a supresión dos dous departamentos e a creación dunha Colectividade Única, o que se lles consulta ós corsos en referendo.

Unha cuestión de tamaño, non de identidade, dos flocos do estatuto de 2002, que trala súa redacción inicial, viu desaparecer o principio lexislativo para a Asemblea corsa e o ensino obrigatorio da lingua, afortalando o control do prefecto, representante do Estado. Votan os corsos no medio dunha eterna polémica superada polas leis pero non como slogan. “A cuestión corsa dirimirase na descentralización da Francia”, di o Goberno. “A autonomía dos corsos non terá cabida na descentralización rexional francesa”, di o núcleo duro, cada vez menos numeroso e/ou representado, do nacionalismo independentista de Charles Pieri e a ex Cuncolta bastiense. A medias entre o das rexións metropolitanas e os máis avanzados de Ultramar (Polinesia e Nova Caledonia), o corso é un estatuto xeral con disposicións específicas.

Malia todo, a consulta popular ten o seu aquel. Ó suprimir a división da illa, desaparecen tamén as asembleas deliberantes –consellos xerais- das capitais, Bastia e Ajaccio, respondendo á reclamación histórica do nacionalismo para lle dar máis atribucións e simboloxía á Asemblea nacional corsa. Pero como a forma única atopa multitude de opositores na establecida clase política corsa, crea en troques unha forma substitutiva, os consellos territoriais.

En Córsega, a procura do prestixio persoal forma parte da vida do neo-clan, politicamente institucionalizado, capitalizada a maioría asemblearia na dereita francesa do presidente José Rossi. Na redacción do estatuto de 1991, a clase política illeira opúxose ruidosamente ó emprego dos termos “consello de goberno” ou “consello de ministros”. Na redacción do estatuto de 2002, rexeita a potestade lexislativa do borrador, sempre por medo a quedar “fóra” da República. O pouco uso por parte da Asemblea corsa das súas atribucións, engadido á negativa a facer cumprir certas leis (anticorrupción e fraude, principalmente) ten feito moito dano ás reclamacións do nacionalismo.

Contra o inmobilismo, a causa corsa esgrime sempre dúas armas políticas básicas: a aplicación firme da democracia, que suporá a refundición das listas electorais, e a reclamación da autonomía. Estas dúas armas téñenas hoxe máis preto que nunca, sen por iso ter derrotado aínda ó contrincante externo, o nacionalismo Estato-francés, e, sobre todo, ó interno: o clientelismo.

O artigo completo, na versión impresa de TEMPOS Novos (xullo 2003, nº 74)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: