Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Ulster: a paz pende dun fío

O taoiseach Ahern e o premier Blair votaron o resto na aposta pola paz no Norte de Irlanda. Pasaron cinco días pechados en Stormont para topar saída á calexa na que está encerellado o proceso iniciado o venres santo de 1998. Cancelaron as respectivas axendas, no caso do británico con importantes actos como a constitución do Parlamento de Escocia, e dedicaron o seu esforzo a elaborar unha proposta que permitise a formación do goberno do Ulster. O documento con datas concretas para o desarme do IRA e o compromiso do goberno de Londres de suspender as institucións da provincia no caso de que o Exército Republicano non cumprise os prazos, foi rexeitado polos unionistas de Trimble. Os vintesete deputados da UUP nin remataron de ler o escrito. ¿Esforzo baldío?.

- 07:52 06/07/1999
Tags:

Desconfianza e presión son os verbas clave para explicar o estancamento das negociacións de paz. A primeira segue a presidir as relacións entre republicanos e unionistas dende o comezo das conversas. Se hai máis dun ano as delegacións do Sinn Fein e da UUP que negociaban en Stormont estaban en salas separadas e comunicábanse por medio de intermediarios, na actualidade reúnense no mesmo cuarto, infórmanse directamente e pouco máis. Cando menos semella insuficiente para sentarse na mesma mesa de goberno.

A presión é moito máis forte sobre o ministro principal, Trimble , e o seu partido que sobre os republicanos. E certo que entre os nacionalistas irlandeses, que apoiaron masivamente o acordado en Stormont, vai en aumento o desacougo despois dun ano de escasos froitos, mais a disciplina característica deste sector fai que sigan confiando nuns líderes moi consolidados como Gerry Adams e McGuinnes. Os rumores sobre o agrupamento de pequenos grupos escindidos do IRA (IRA-C, IRA-R e unha fracción do INLA) semellan obedecer máis aos interese dos unionistas que a importancia deste feito no caso de ser certo. Pola súa banda o SDLP de Hume segue consolidado e aglutinando a sectores desencantados coa parálise do proceso.

Pola contra as presións sobre Trimble son moito máis fortes, non só nestes primeiros días de xullo cando os orangistas poñen o traxe dos domingos, collen o bombín e o paraugas, colócanse a banda laranxa e comezas os seus desfiles militares para lembrar aos católicos quen manda no Ulster; senón porque a UUP é un partido profundamente dividido no que cada día que pasa teñen máis forza os sectores opostos ao acordo de Stormont que temen unha perda de apoios a favor do partido do reverendo Ian Paisley. Trimble é un dirixente feble e indeciso.

O premier Blair vai ter que tomar decisións e deixar a alguén ao marxe. Se os unionistas non aceptan a presencia dos dous ministros do Sinn Fein non lle quedará outra alternativa que impoñelos aínda que antes lle teña que entregar a cabeza da decidida ministra Mo Mowlan quen traballou sen acougo pola paz. Se Adams e McGuinnes non son quen de garantir o desarme do IRA para maio do 2.000 -como se asinou en Stormont - nese momento terá que destituír aos ministros do Sinn Fein.

Adiar as decisións para Setembro semella demasiado arriscado despois de terse comprometido tan a fondo os gobernos de Dublín e Londres. O impase ten chegado a un punto perigoso que de non resolverse podería reforzar aos sectores partidarios do retorno ao pasado.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: