Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Ferrol viste de loito pola morte de Couso

A Marcha Mundial das Mulleres vai cubrir con panos negros os monumentos de Ferrol para expresar a súa condolencia pola morte do cámara José Couso e o seu rexeitamento á guerra. O acto de protesta comeza ás cinco da tarde. Pola mañá, a Coordenadora Galega pola Paz de Ferrolterra convocou para as doce unha concentración diante do Pazo Municipal. Pola súa banda, tralo pleno extraordinario celebrado ás 13:30, o Concello vén de emitir un comunicado institucional e de declarar 48 horas de loito oficial.

- 09:39 09/04/2003
Tags:

A Coordenadora local da Marcha Mundial de Mulleres organiza o mércores unha acción contra a guerra en Iraq, baixo o lema "Poñer de loito as cidades". O colectivo vai cubrir con panos negros monumentos e estatuas de Ferrol en sinal de dó.

A protesta comeza ás 17.00 h diante do Consistorio ferrolán, desde onde partirán para cubrir de loito os monumentos situados na praza de Amboaxe, Correos, o Cantón, Praza do Callao e Esteiro. O colectivo pídelle ás mulleres que participen no acto, vestidas de negro.

No que respecta aos actos intitucionais, o Concello vén de declarar tralo pleno celebrado á unha e media da tarde 48 horas de loito oficial pola morte de José Couso, natural da cidade. Durante este tempo as bandeiras da casa consistorial ondearán a media hasta. Ademais a institución municipal vén de emitir un comunicado mediante o que lle transmite o seu pesar aos amigos e familiares do cámara de Tele 5, e no que lamenta o falecemento doutros 10 xornalistas dende o pasado 22 de marzo.

O mesmo texto lembra que o pasado 24 de marzo "esta Corporación mostrouse preocupada pola gravidade da guerra", e acordou esixir o fin das accións bélicas e o retorno á vía diplomática dentro de Nacións Unidas. Atendendo á recente morte de José Couso a declaración apunta que "agora, máis que nunca, debemos reafirmarnos nesta convicción. A guerra debe parar inmediatamente. Non se pode seguir apoiando a masacre inxustificada á que se está sometendo o pobo iraquí".

Ademais apuntan "que o sangue do noso concidadán, José Couso Permui, e a de todas as víctimas desta guerra sirva para abrir os ollos dos gobernantes que levaron a violencia a Iraq. Non á guerra".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: