O Tratado de Sèvres (1920) recoñecía en principio o dereito deste pobo a formar un Estado propio. Pero finalmente, os seus territorios foron divididos entre os países da zona, convertíndoos na maior nación do mundo sen Estado. Dende entón, teñen sido oprimidos polos gobernos baixo os que viven, calisquera que fose este, a súa cultura atacada e mesmo prohibida e a súa loita pola independencia fortemente reprimida.
A situación estratéxica dos territorios que reivindican e a súa riqueza en recursos enerxéticos ten sido e é cobizada polas grandes potencias. O novo ataque dos EEUU sobre Iraq volve levar aparellado un chamamento á rebelión do pobo curdo. Tal circunstancia producírase anteriormente: no seu momento o secretario de Estado Kissinger ou o presidente Bush pai, chamaron á rebelión dos curdos contra Sadam, retirándolles logo o apoio e deixándoos a mercede das represalias do rexime iraquí.
Malia estar presentes en Turquía, Rusia, Irán ou Siria entre outros, especialmente tense falado da minoría curda nos últimos tempos ao fío da crise iraquí. Actualmente, os curdos representan case un 20% dos 22 millóns do total poboación iraquí, máis de catro millóns de persoas.
Un acordo do Partido Democrático do Curdistán, a outra formación política curda significativa é a Unión Patriótica do Curdistán e o goberno iraquí, acadara nos anos 70 a constitución da chamada Rexión Autónoma do Curdistán. Durante a guerra con Irán, nos 80, a guerrilla curda tomou partido contra o rexime, o que supuxo a entrada do exército na rexión autónoma (foi daquela cando se tería producido o denunciado uso de armas químicas contra os curdos). A primeira guerra do Gofo trouxo un novo intento de levantamento curdo, outra vez contundentemente esmagado e que supuxo a fuxida de millón e medio de curdos da zona.
Previamente a este último ataque dos EEUU, varios grupos da oposición curda a Sadam acordaron poñer a disposición do exército USA preto de 70 mil homes na zona norte do país. Hai que subliñar tamén a forte represión que teñen sufrido os curdos na veciña Turquía. De feito, o temor a darlle alento ás reivindicacións do Curdistán foi unha das razóns para a reticencia turca a facilitar a axuda aos EEUU nas súas operacións militares na zona.
Artigos recomendados: