Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

¿De que viven os iraquís?

A economía iraquí vén marcada por un dato: posúe a que é considerada segunda maior reserva petrolífera do mundo. Os analistas falan dos anos 70 coma un prometedor e dourado momento en canto ao desenvolvemento das súas potencialidades económicas: as posibilidades turísticas, a enorme capacidade de producción petrolífera, as políticas sociais daquela moito máis ambiciosas que as do contorno xeográfico... A guerra con Irán, entre 1980 e 1988, tumbou o crecemento iraquí, que volveu reaxir abrindo a billa do petróleo cara a fin da década e chimpou á poza de novo logo da guerra que provocou a invasión de Kuwait.

- 19:13 20/03/2003
Tags:

O petróleo condiciona pois de forma evidente a economía dun país que sempre pode botar man do ouro negro para erguer de novo os alicerces que unha e outra vez destrúe. A mediados dos anos 70 a industria petroleira foi nacionalizada. Ata daquela estivera controlada por catro compañías extranxeiras.

As decisións comerciais son dirixidas pola administración de Sadam Hussein, no que é economía con matiz socialista, situación máis evidente aínda logo das sancións sufridas. Malia a existencia dun pequeno agromo de industria privada, de servicios e agro fundamentalmente, o estado controla comercio externo e producción industrial .

Ouro negro aparte, Iraq conta con algúns recursos que a convirten en zona privilexiada respecto aos seus veciños: 43 km3 de augas interiores renovables, un c12% de solo de regadío e cultivable, un 10% para pastos e un 3% de superficie forestal. Estas cifras elévana á condición de único país da zona con potencial agrícola: arroz, dátiles, trigo e cebada. No eido industrial destaca a suba do sector da construcción nos últimos anos. Tamén a producción de téxtil, alimentos preparados, calzado e tabaco. As importacións veñen fundamentalmente de países veciños, Rusia e Francia, Alemaña ou China.

Dende o ano 96 funciona o programa ‘petróleo por alimentos’ que veu afrouxar un chisco as consecuencias do embargo económico sobre o país. A maior parte do petróleo vai cara os Estados Unidos, un 25% do total. Máis aínda, os de Bush duplicaron as súas exportacións de Iraq nos últimos meses, dende o comezo da crise venezolana. O seguinte país en volume de importacións petroleiras de Iraq é Francia, 15%, e a continuación aparecen Rusia, Alemaña ou Xapón. O 50% do total do PIB iraquí procede da venda de petróleo. Nos últimos anos, diversos organismos sinalan a exportación ilegal de petróleo como a base que estaría sostendo a fráxil economía do país.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: