O xuíz da Audiencia Nacional, Juan de Olmo, decretou a liberdade baixo fianza de 12.000 euros a Pello Zubiria. O director de Argia abandonará hoxe martes a cadea de Soto del Real. Sete das dez persoas que foron detidas na operación contra Egunkaria están en liberdade. Na comisión de Dereitos Humanos do parlamento vasco, o director de Egunkaria, Martxelo Otamendi, volveu insistir en que foi torturado durante a súa detenciou e que non seguíu ningún manual de ETA cando presentou a denuncia.
Otamendi declarou que, amais de ser insultado reiteradamente, os axentes que participaron nos interrogatorios obrigáronlle a facer flexións espido e que lle aplicaron a bolsa dúas veces no intervalo dunha hora. Engadíu que tivo que aprender de memoria a declaración baixo a ameaza de que se contaba algo ao forense me pegaban dous tiros.
O parlamentario do PP, Carlos Urquijo, respondeulle ao xornalista: creo moito máis ao ministro de Interior dun goberno democrático que a unha persoa que está acusada de pertenencia e colaboración con banda armada.
O voceiro do PNV, Emilio Olavarria, dixo que non temos ningunha dúbida sobre as denuncias de Otamendi , porque calquera persoa que ten coñecemento dun delicto ou da súa comisión ten o deber de denuncialo.
O PSE-PSOE mostrouse favorable a investigar as acusacións de Otamendi, polo que o animou a presentar a denuncia ante o tribunal competente.