A nova proposta Blair de seis condicións para Sadam, malia que non amplía o prazo si parece ter decantado o voto de varios países indecisos cara o apoio da postura Bush. Francia, Rusia e Moscú rexeitaron o novo documento e reafírmanse no seu veto. Mentres, os EEUU, malia a imposibilidade de recabar o apoio do Consello de Seguridade se tal veto se produce, insisten en conseguir a maioría de nove votos, insistindo nas presións económicas cos indecisos. Ao tempo, preséntase unha campaña para iniciar un xuízo político, impeachment, contra Bush por promover a guerra.
Camerún, Guinea, Angola e Paquistán terían decidido apoiar co seu voto a nova proposta de resolución que presentarán os EEUU e o Reino Unido logo de escoitar a nova iniciativa de Tony Blair, que supón seis condicións para o goberno de Sadam Hussein:
- debe recoñecer publicamente que agochou armas de destrucción masiva
- debe deixar que 30 científicos sexan entrevistados fóra de Iraq
- debe comprometerse a entregar as reservas de carbuncho e outros.
- Destruirá todos os mísiles prohibidos pola ONU
- Explicará os avións e vehículos de que dispón para o bombardeo de axentes químicos
- Entregará todos os laboratorios móbiles de que dispoña
Así, e segundo os Estados Unidos, disporían xa de nove apoios no Consello de Seguridade, abondo para que no caso de que non existise veto a resolución fose probada. Pero na práctica, o goberno Bush insiste, e non escatima ameazas e promesas económicas para decantar un noveno voto que viría de México ou Chile. E en calquera caso, a reafirmación de veto de Francia, Rusia e China, opostos á nova proposta de Blair, impedirá que vaia adiante a resolución.
E nos EEUU vén de coñecerse unha iniciativa do ex secretario de Xustiza Ramsey Clark para comezar un xuízo político, o coñecido coma impeachment, contra o presidente Bush. O motivo sería a insistencia deste en promover unha guerra que Clark cualifica de inaceptable e sen sentido, comparando o bombardeo previsto para as primeiras 48 horas en Bagdad co xenocidio de Nagasaki e Hiroshima.
Ademais, para o próximo sábado convócase aos cidadáns a unha mobilización que rematará fronte á Casa Branca.