Amnistía Internacional envioulle ao ministro do Interior unha carta para que abra unha investigación sobre as supostas torturas que denunciaron os directivos de Egunkaria. O director da sección española da organización, Esteban Beltrán, esixíulle tamén ao ministro que non ameace aos denunciantes con querelas xudiciais. Unha recomendación que chega tarde. Os catro directivos do xornal vasco que denunciaron torturas durante a súa detención terán que declarar como imputados o próximo día 25.
O xuíz da Audiencia Nacional, Guillermo Ruíz Polanco, admitíu a trámite a querela presentada contra os directivos de Egunkaria polo ministerio do Interior. O xuíz tivo en conta un informe do fiscal xefe da Audiencia Nacional, Eduardo Fungairiño, no que se indica que os imputados poderían ter incorrido nos delictos de inxurias graves e calumnias ás forzas de seguridade do Estado.
Fungairiño sinala no seu escrito que o feito de calumniar á Garda Civil ou á Policía non é un feito illado, senón que responde a ordes emanadas da dirección da banda terrorista ETA.
Os directivos de Egunkaria denunciados por Interior son o director do xornal, Martxelo Otamendi, Ignacio Uría, Xabier Alegría e Xabier Oleaga. Os tres últimos están na cadea desde o 25 de febreiro acusados dun delicto de pertenza ou colaboración con banda armada.