Os membros da dirección de Egunkaria están chamados a declarar hoxe perante o xuíz Juan del Olmo na Audiencia Nacional. Entre outros, van comparecer o director do xornal, Martxelo Otamendi, o presidente do consello de administración, Joan Mari Torrealdai e Xabier Alegría, membro de KAS, que está acusado, segundo o xuíz, de servir de enlace entre o xornal e ETA. Un dos detidos, Pello Zubiria, primeiro director de Egunkaria e na actualidade director do semanario Argia, está ingresado no hospital Gregorio Marañón de Madrid despois dun intento de suicidio.
Unha redactora da revista confirmou a Vieiros o intento de suicidio de Zubiria e que nestes momentos está fóra de perigo. Pello Zubiria sofre unha doenza crónica e tiña pensado deixar proximamente a dirección do semanario.
Os traballadores do xornal seguen editando, desde o peche xudicial, o xornal
Egunero no que se dan noticias da situación pola que atravesa o propio diario.
A familia e os compañeiros de Zubiria, que temen que o seu estado de saúde sexa moi grave, piden que se poña fin a situación de incomunicación decretada polo xuíz para todos os detidos da dirección de Egunkaria hai cinco días.