Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Do Casón ao Prestige: que o vento nos protexa

Cando o Cason embarrancou nas costas de Fisterra a finais dos 80, tamén ia mal tempo. É mania dos barcos. Dá-lles por ai. Agardan aos temporais para racharen e que ninguén os poida salvar. Van ás costas como as baleas aos seus cemitérios. Das costas galegas gostan especialmente, porque xa lles cadra de camiño pasar perto delas e saben, desde hai anos, que non son moi molestados no seu empeño de desangraren-se e finar nelas.

- 09:23 20/11/2002
Tags:

Cando o Cason, ao princípio tampouco pasaba nada. Todo estaba controlado a dicir do, daquela, governador civil; salvando a triste morte da tripulación esparexida pola lonxa de Fisterra. Non faltaron os remolcadores... nen o mal tempo. Rara vez faltan. Logo, non poden traballar ben uns por mor do outro. Mais esa é a nosa gran perícia: remolcar. Remolcamos o que nos boten por diante. Se o tempo o permite, claro. Para luxos hai que pedir axuda polo mundo adiante dias despois. Transvase de carga, succión de verquidos, reflote de buques,... a ciéncia ficción vaia, é cousa de franceses e outros. Ao cabo, un accidente é un accidente. Poñer-se en gasto por un accidente cada 5 anos. A quen se lle conte. Se aínda fosen máis. No 2000 houbo 733 emerxéncias no corredor de Fisterra. ¿E cantos accidentes? ¿Eh? Ademais, quen vai ter a indecéncia de buscar culpas cando hai unha desgrácia.

Os do Cason eran bombeiros holandeses. Perdón. Expertos holandeses. Traian un dos buques-grua máis potentes de Europa. Si, si, existen cousas desas. Non o mereciamos e agradecemo-lo moito. O primeiro domingo que houbo bo tempo, todos os rapaces e rapazas de Corcubión, poidemos visitar a grua, os remolcadores e pasear en zodiac pola ria. Estaban todos atracados entre o porto de Brens e o de Corcubión. Domingo soleado de portas abertas. O luns volveu o mal tempo e seguiu sen traballar. Pero a grua era boa. Nen sequera se estropeou, como os barcos anticontaminación que mandan agora.

Co paso dos dias foron retirando bidóns. Como non tiñan nada malo, ninguén entendia que se apagase o alumeado público para descargá-los pola noite en escuridade total. E moito menos que viñan sendo aquelas calaveras que traian coladas. É unha sensación intranquilizante a de ser "tranquilizado" polas autoridades. O mesmo mariñeiro de Muxia que sabia dun barco controlado alonxando-se a máis de dez millas, estaba a ve-lo pola fiestra a tres millas e achegando-se. No Cason tamén habia técnicos e expertos. Cando estoupaban os primeiros bidóns, nas horas prévias a que reventase toda a carga, eramos advertidos e informados. Non eran explosións. Trataba-se de meras reaccións químicas. Os produtos contaminantes teñen habilidades imprevisíbeis. Tan pronto reaccionan inofensivamente ao contacto coa auga, como forman unha nube tóxica. Tan pronto solidifican e van ao fundo, como tinxen de negro as costas. Non sabemos cando a ciéncia chegará a desvelar tais mistérios. Como o mistério das medidas. ¿Hai 18.000 metros de barreiras protectoras para só 100 quilómetros de costa ou só 18 quilómetros de barreira para 100 quilómetros de costa? Tranquilidade. Seica xa están encargados 5.000 metros máis. E tamén máis costa.

Menos mal que as penas compartidas son máis levadeiras. Quen miraria por nós na Costa da Morte se a desgrácia quedase ali. A do Cason levamo-la á Mariña luguesa. Custou os seus postos de traballo en Alúmina-alumínio. Pasear bidóns tóxicos en camións abertos de oeste a leste, só é comparábel a pasear un buque vertendo fuel de norte a sul. Temos no sangue ese espírito viaxeiro, esa "mobilidade xeográfica" que voltará a dar con máis mozos e famílias mariñeiras en Canárias. A que nos fixo evacuar sen apoio oficial cando o Cason reventou. E coñecer a solidariedade, a agradecer por sempre, da xente de Muros, de Noia, de Santiago,...

Daquela tamén quedamos ao desígnio do vento. A nube tóxica do Cason foi para o Atlántico. Por sorte o vento axudou. E logo non existiu nube tóxica. Nas mans do vento acaba quedando a vida da xente. E a verdade. Xunta-se de maneira angustiosa a perda dos recursos económicos coa perda de todo o demais que dá sentido a unha vida. O contorno, o froito do esforzo, a profisión dos novos que quedaron, o futuro da vila, os créditos recentes para o obrigado cámbio de arte,... Vai moito máis aló do turrón co que subsídian a resignación e o esquecimento. Entende-se sabendo do intento daquel vello de salvar a sua vaca da nube do Cason coa máscara de gas da guerra.

Na Costa da Morte, na Galiza, pouco ten mudado en cousa de naufráxios. E pouco mudará se despois da incapacidade, da mentira e do vento, vence a resignación e o esquecimento. Pouco ten mudado. De González e Laxe a Aznar e Fraga, de Garcia Sabell a Fernández de Mesa, pouco ten mudado. Máis gomina e o mesmo terceiromundismo: que o vento nos protexa.

Martiño Santos Canosa


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: