A Estación de Bioloxía Mariña da Graña é unha institución científica que forma parte da Universidade de Santiago e que se dedica a fomentar a investigación en bioloxía mariña, e ao asesoramento en temas relacionadas coa fauna e flora marítima de Galicia. Francisco Javier Cristobo, Xefe da Estación, considera que o desastre non se xestionou de xeito correcto. Así nolo dixo nunha conversa mantida con Vieiros.
¿Cales son as consecuencias inmediatas da ruptura do Prestige?
As consecuencias inmediatas son obvias, a morte de todo o marisco e de todas as especies afectadas polo verquido de fuel. Pero ademais, vai morrer unha cantidade moito maior de animais microscópicos que non se ven, o plancton, que serve de alimento base para moitas outras especies. Na televisión adoitan amosar gaivotas petroleadas, pero a morte do plancton vai ter peores consecuencias a longo prazo.
Na túa opinión, ¿qué se debería facer para poder mitigar o desastre?
Recoller a máxima cantidade posible de fuel do mar e deixar que a natureza siga o seu curso e se recupere. Non se deben utilizar dispersantes para o petróleo nin ningún outro producto químico porque engadiría contaminación ao mar.
¿Canto tempo tardará en rexenerarse a costa?
Alomenos vai pasar un ano ata que se poida traballar nas zonas afectadas polo fuel. Pero para que cheguen a estar nas mesmas condicións que antes, van pasar moitos máis anos.
Tendo en conta as características de Galicia, o desastre é gravísimo, non?
Si, o desastre é moito máis grave en Galicia cá se fora noutra zona, pola gran riqueza marisqueira e pesqueira das nosas rías a nivel mundial. Ao mesmo tempo, o verquido vese agravado precisamente pola nosa orografía, porque o fuel queda empantanado nas rías.
¿Cres que se debería ter xestionado a retirada do buque doutra forma?
Eu creo que a Xunta non contactou cos técnicos adecuados. Calquera mariño mercante está acostumado a estas situacións e sabe o que facer, pode calcular todos os riscos. O Prestige debería traerse para dentro da ría desde o principio, sería moito máis fácil controlar unha ría contaminada que agora, que levaron o barco para mar adentro e o verquido ameaza a todas as rías e, ademais, é imposible e controlar polo vento e polas ondas.
Como biólogo mariño, estarás disgustado...
Si, traballamos na concienciación da xente e no respecto do medio ambiente para que logo pasen estas cousas...