As Mareas Negras non son froito da casualidade nin da mala sorte. O grupo ecoloxista ten moi claro unha serie de medidas básicas que se deberían tomar, e critica a débil e permisiva normativa que en todo o mundo permite que as petroleiras non extremen as medidas de seguridade e escapen a toda responsabilidade.
Obrigar ao dobre casco neste tipo de buques e prohibir que operen baixo bandeira de conveniencia son dúas medidas fundamentais que segundo argumenta Greenpeace rematarían case por completo con catástrofes similares á do Prestige.
Lembran os ecoloxistas que moitos desastres anteriores: mar Exeo, Erika, Exonn Valdez, Urkiola,... reciben atención política no momento en que suceden pero co tempo, non se chega nunca a establecer as medidas preventivas que impedirían novas catástrofes similares.
Láiase Greenpeace que á compañía do Prestige non se lle vaia esixir ningunha responsabilidade civil nin ambiental e que os custes de limpeza e recuperación caian se cubran con cartos públicos. Piden por iso, que se remate coas bandeiras de conveniencia, que lle permiten a petroleiros coma o Prestige navegar sen cumprir ningún tipo de normativa nin control.
Segundo denuncian, a directiva para o control do transporte de sustancias perigosas prohíbe buques de máis de 15 anos e casco único, pero a demora na aplicación nos estados membros unha vez máis fai que non se chegue a tempo.
Por último, advirten do altísimo número de petroleiros que diaramente navegan preto das nosas costas e apuntan que non só é importante lembrarmos o risco medioambiental deste transporte, senón tamén o que significa: un modelo enerxético insostible e xerador de graves problemas, coma o cambio climático.