Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Que facer cunha ave petroleada?

O verquido de petróleo e derivados no mar resulta especialmente terrible nas poboacións de aves mariñas. O petróleo adhíreselles ás plumas e impídelles voar e mergullarse, ocasionándolles unha morte lenta e dorosa. O ornitólogo Antonio Sandoval recolleu uns breves apontamentos para saber qué facer se atopamos unha ave petroleada nas nosas praias e portos.

- 09:58 14/11/2002
Tags:

Cando as aves mariñas perden a impermeabilidade da plumaxe debido ao petróleo, acoden ás praias. Primeiro tentan limparse. Logo, buscan refuxio entre a vexetación máis próxima. Achegarse a elas, prendelas e inmobilizalas non é complicado se se seguen estas indicacións:

  • Usaremos luvas grosas de goma para evitar o contacto directo co petróleo, que pode irritarnos a pel e as mucosas. Levaremos con nós unha toalla, ou algo semellante.
  • Achegarémonos á ave de vagariño dende a beira do mar, para evitar así que queira fuxir nesta dirección.
  • Por suposto, a nosa seguridade é o primeiro. Non nos aventuraremos en áreas de mar batida ou entre penedos perigosos.
  • Se parece difícil de prender, non hai que querela cazar, pois o único que conseguiremos será esgotala aínda máis.
  • Ao apreixala, é moi importante levar coidado cos peteiros das especies de maior tamaño. Tentarán picarnos, principalmente no rostro, e poden causarnos graves feridas.
  • Non se poden suxeitar ou prender por unha á, pois poderíamos partirlle un óso.
  • Rodearémola coa toalla, e introducirémola nunha caixa de cartón seca e aireada. Non se deben xuntar na mesma caixa a dúas ou máis aves, sobre todo se son de distinta especie, pois poden agredirse.
  • Se a ave presenta petróleo no peteiro e nas foxas nasais, limparémosllo cun trapo húmido.
  • Logo levaremos as caixas e porémonos rapidamente en contacto co Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe da Consellería de Medio Ambiente máis próximo. Nunca tentaremos recuperalo pola nosa conta. Estes son os teléfonos dos centros de recuperación das provincias costeiras:
    - A Coruña - Oleiros: 981626241
    - Pontevedra - Vilaboa: 986680238
    - Lugo: 982207705
    - SOS Galicia: 112


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: