Renderlle culto en Pardiñas ao decano dos festivais folc galegos ou brincar na fermosa carballeira de Zas. Grande é o dilema folkie para esta fin de semana, pero sexa cal sexa a elección, promete bo ambiente, queimada e unha peneira selecta da mellor música. Aínda que unha aventura festeira polas terras ofrece outras posibilidades. De venres a domingo, o abano inclúe as opcións de marchar á Anunciada e ir ver a danza das espadas en honor á virxe mariñeira de Baiona, unha viaxe no tempo polo mercado medieval da Coruña, curtir bandullo co pemento en Arnoia e unhas cuncas de albariño en Cambados. Todo isto e máis, en Vieiros Festas.
.