Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Entrevista ó profesor Ramón Lorenzo Vázquez

Por Xosé María Gómez Clemente
O profesor Ramón Lorenzo, como especialista no estudio da lingua e da prosa medieval, fai unha valoración da evolución da investigación neste ámbito e comenta para Canal Estudios Galegos os proxectos en marcha e os campos de traballo abertos para o futuro na edición e a investigación dos textos medievais. Xosé María Gómez Clemente é profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo.

- 05:17 27/06/2002
Tags:

O profesor Ramón Lorenzo naceu no Concello de Ames en 1935. En 1960 obtivo con premio extraordinario a licenciatura en Filosofía e Letras (Filoloxía Románica) na Complutense de Madrid. A súa tese sobre a Traducción galega da Crónica Xeral e a Crónica de Castela recibiu o premio extraordinariario de doutoramento e constitúe unha referencia inescusable para o estudioso da lingua medieval galega e portuguesa. Foi lector de español en Colonia e profesor nas Universidades de Santiago e Valladolid. Dende 1981 ocupa a cátedra de Lingüística e Literatura Galegas na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e é membro da Real Academia Galega. Participa en numerosas institucións científicas galegas, españolas e europeas e fóronlle outorgados diversos premios polo seu labor investigador. O seu amplísimo currículo é moi difícil de resumir debido ás numerosas achegas no campo da investigación lingüística e literaria, da traducción e mesmo na creación literaria. Destacaremos algúns títulos claves na medievalística galega moderna: Sobre cronologia do vocabulário Galego-Português (Anotações ao ‘Dicionário etimológico’ de José Pedro Machado (1968), La traducción Gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla [V I. Texto; V. II: Glosario] (1975-77); Crónica Troiana (1985) ou a Colección Diplomática do Mosteiro de Montederramo [no prelo]. Moi salientable foi a súa colaboración no Dicionário da Literatura medieval galega e portuguesa (1993) con máis de 22 artigos sobre prosa e lírica. Nestes momentos é, sen dúbida ningunha, a figura máis sobranceira nos estudios de lingua e literatura medievais galegas.

Vostede leva moitos anos traballando no período medieval da nosa lingua. As súas obras contribuíron decisivamente ó estudio dos testemuños da prosa literaria e documental que se conservaron. Neste momento, ¿como valora os traballos sobre a lingua medieval que se fixeron os últimos anos? ¿Considera necesaria a elaboración dun diccionario e unha gramática que nos permita coñecer mellor este período?

A miña valoración destes traballos é moi positiva, pois hai que ter en conta que desde hai unhas décadas xurdiron unha serie de lingüistas moi capacitados, sobre todo na Escola de Santiago, que se dedican a facer estudios de fonética, morfoloxía e sintaxe do galego medieval. Hoxe contamos xa con teses de licenciatura e doutoramento e con numerosos artigos sobre temática medieval e todo isto ten que levar á concepción dunha gramática do galego medieval, que é algo esencial para a lingua. Cando dispoñamos de máis información sobre os textos medievais de carácter documental, estaremos en condicións de enfrontarnos á confección dunha fonética e dunha morfosintaxe históricas, que comprenda todo o período medieval e que nos vaia indicando a evolución da lingua en todo ese período. Tamén é preciso que algún día poidamos dispor dun diccionario histórico do galego. Eu sempre andei coa idea de facelo e a el contribuín co 2º volume da edición da Crónica Xeral Galega, pero o que me botou para atrás foi a falta de edicións fiables dos documentos e doutros textos medievais, porque para facer un diccionario histórico con garantías temos que ler correctamente os textos. Lembro como no 2º volume da Crónica eu puña como primeira documentación da forma porfía un exemplo da Crónica Troiana (s. XIV) e non era certo, pois cando lin o manuscrito vin que dicía perfía, que é a forma medieval. O mesmo pasa con palabras fantasmas ou formas erradas, que nos poden levar a dicir falsidades fonéticas ou morfosintácticas.

A nosa prosa medieval (literaria, historiográfica e científica) quedou dalgunha maneira “minusvalorada” pola importancia que ten a lírica e, se cadra, polo feito de conservarmos traduccións. As súas edicións da Traducción Galega da Crónica Xeral e da Crónica de Castela e da Crónica Troiana, e outros traballos concretos e de conxunto sobre a nosa prosa, inciden nos seus valores literarios e en diversos aspectos como a relevancia que teñen algúns textos galegos, mesmo aqueles que non se conservaron, na tradición manuscrita de obras castelás e portuguesas. Neste momento, ¿que considera necesario facer para continuar neste camiño? Á parte, ¿cómpren novas edicións? ¿Pódenos falar do proxecto do Centro Ramón Piñeiro para a edición da prosa literaria?

A importancia da prosa medieval é indubidable, aínda que sempre se lle deu máis categoría á lírica, entre outras razóns tamén debido ó descoñecemento que se tiña dela e ás dificultades que presenta a súa lectura. É unha pena, porque obras coma a Crónica Xeral, a Xeral Estoria, a Crónica Troiana ou os Miragres de Santiago teñen pasaxes de grande altura literaria e mesmo divertidos.

Nestes momentos cómpre facer algunha nova edición de determinados textos (como da Historia Troiana ou da Crónica de 1404). A verdade é que, tendo en conta o pouco número de textos literarios ou históricos que posuímos, eu sería partidario de facer edicións de tódolos manuscritos de que dispomos. Así, da Crónica Xeral hai dous manuscritos e eu publiquei o que está na BN de Madrid, o máis antigo e o máis amplo, e puxen en notas as variantes do outro manuscrito, máis moderno. Sería interesante facer unha edición deste segundo manuscrito para poder comparar mellor as innovacións lingüísticas que presenta. O mesmo acontece coa Crónica de 1404 (con varios manuscritos) ou coa Crónica de Iria, aínda que neste caso se trate de copias tardías. Outra cousa interesante é a confección de estudios literarios sobre os textos prosísticos. Xa se publicaron algúns artigos e comezáronse a facer libros. A Crónica Troiana ou a Crónica Xeral, por exemplo, dan moito xogo e hai que animar ós estudiosos da literatura a que se ocupen deles e nos mostren as cualidades literarias que encerran.

Sobre o Proxecto do Centro R. Piñeiro para a edición da prosa medieval non podo comentar nada, porque descoñezo o que queren facer. Sei que hai algún tempo estivemos falando varios investigadores da posibilidade de pór en soporte informático tódolos textos medievais con revisión das lecturas, pero ese proxecto, que xa comezara a súa andaina, terminou por desaparecer. O que están facendo agora non sei se é o mesmo ou se trata de algo diferente. Se é o mesmo, non me parece acertado que leven adiante un proxecto no que estabamos implicados outros investigadores. Se é distinto, non entendo cómo non se traballa conxuntamente con investigadores que realizaron edicións dalgunhas das grandes obras coas que contamos.

Vostede ten feito un labor enorme na recuperación da prosa documental galega con proxectos tan importantes coma a edición da documentación do Mosteiro de Montederramo. ¿Cal é a importancia deste traballo? Vostede coordina un proxecto no ILGA sobre edición de prosa documental, ¿pódenos falar del? Hai uns días anunciouse o descubrimento dun documento galego, ou portugués, do século XII. ¿Que importancia ten este feito?

A edición dos documentos de Montederramo está rematada desde hai anos e estou á espera de acaba-la introducción. A necesidade de ter que realizar toda unha serie de traballos nos últimos tempos fixo que teña parada a publicación desta importante colección de 1873 documentos. A diferencia desta edición respecto a outras é que se publican tódolos documentos e non se segue a tendencia dos historiadores, que moitas veces presentan unicamente un resumo ou un rexesto do documento, especialmente nos documentos do XV, co argumento de que todos son parecidos. Ademais, a edición está feita con criterios filolóxicos e respéctanse tódalas formas dos manuscritos, evitando cometer erros de transcrición. Precisamente o problema das edicións dos documentos medievais é que están feitas por historiadores, que non coñecen ben a lingua e cometen moitísimos erros de lectura, inventando palabras ou lendo mal as formas que aparecen nos textos. Isto repercute precisamente no que falei máis arriba da Gramática e do Diccionario. Nós non nos podemos fiar das lecturas dos historiadores e temos que comprobar unha por unha todas elas. Unha mala lectura pode levarnos a cometer disparates na interpretación fonética ou morfosintáctica e no estudio da Antroponimia e Toponimia.

Durante tres anos coordinei un proxecto de edición de documentos porque necesitaba dous bolseiros que me axudasen a ler documentos. Actualmente existe un convenio coa Dirección Xeral de Política Lingüística no ILGA e teño unha especialista (Maka Pérez) que está a ler toda a documentación do mosteiro de Oia, moi interesante pola conexión deste mosteiro con Portugal, o que leva a que atopemos moitos documentos escritos en portugués.

Eu non vin ese “suposto” documento romance do s. XII, que segundo o seu descubridor está escrito nesa falacia chamada “galegoportugués”, pero teño algunha información sobre o tema e podo indicar que se trata dunha metedura de zoco máis do mesmo autor que publicou un traballo dicindo que o documento galego máis antigo era de 1230, sen decatarse de que se escribira en 1260. O argumento utilizado é unha falacia. El atopa un pergameo manuscrito no que aparece escrito pola parte do pelo un documento do séc. XIII e pola parte da carne un texto pequeno sen data. Como o normal é que se escriba no pergameo pola parte da carne e non do pelo, supón sen máis que o texto é anterior e sitúao sen ningunha base e porque lle peta cara a 1175. Cando presentou a comunicación en Braga foi algo prudente e falaba da posibilidade de que fose de 1175, pero despois lanzouse a presenta-la noticia nos xornais (inclusive do Brasil) dando como certa a súa hipótese e así saíu tamén na Voz de Galicia, onde este grupúsculo de integracionistas de Santiago ten un gran valedor. Con esta afirmación gratuíta alporizou bastante ós estudiosos portugueses, que se van decatando da categoría filolóxica do autor. Nada acredita que un texto escrito na carne do pegameo teña que ser anterior ó texto que aparece no pelo, porque os pergameos reutilízabanse e volvíase a escribir sobre o raspado e ademais nada indica que o documento do XIII que aparece escrito no pelo sexa orixinal, pois é ben sabido que en ocasións se utilizaba esta parte para copiar documentos escritos antes.

A súa experiencia como docente é longa. ¿Como ve a Universidade? ¿Os estudios de Filoloxía Galega? ¿O interese do alumnado polo estudio da literatura e da lingua medievais?

A miña experiencia docente é longa, pero non me gusta falar sobre a Universidade. Eu limítome á docencia e á investigación e non participo en nada desde que chegou a LAU e se dividiu a Universidade entre bos e malos, dependendo de criterios políticos ou pseudopolíticos. Non me interesa nada disto e prefiro non dici-lo que penso.

Cando comezaron os estudios de Filoloxía Galega pareceume un feito transcendental para a lingua, pero o galego sempre tivo mala sorte, porque pasaron a estudiar galego moitos licenciados en Hispánicas que non tiñan ningún interese pola lingua, que só buscaban un posto de traballo e que encheron os Institutos como profesores dunha materia que non lles interesaba. En Santiago conseguiuse formar un grupo de profesores de enorme categoría que se dedicaron especialmente ó estudio da lingua e que hoxe teñen prestixio en todo o mundo.

Eu explico Gramática Histórica e certamente non vexo moita apetencia nos estudiantes pola literatura nin pola lingua medieval. Sempre hai un grupo que destaca e que colle interese polos textos medievais, pero é un grupo limitado. Estou seguro de que a maior parte dos nosos estudiantes non leu ningún texto en prosa medieval e dubido que sexan moitos os que leron os trobadores. É máis normal que ós estudiantes lles interese máis a literatura moderna ou a gramática actual, pero pola información que recollo nas clases tampouco me parece que se lea moita literatura moderna.

En tódolos seus escritos (lembro especialmente o seu discurso de entrada na Academia), na súa actividade docente e investigadora, na súa actividade como creador literario, vostede mostra a súa paixón pola lingua xa que é a principal fonte de identificación do pobo galego. Aínda que a pregunta sexa difícil de contestar brevemente, quero facerlla: ¿como académico, docente, investigador, como galego, cal é a súa opinión sobre a situación actual da nosa lingua?

A situación actual da lingua non a vexo moi ben. Hai xente que é optimista e eu tamén quero selo, pero a realidade é contraria ó optimismo. A prensa, a radio e a TV abáfannos co castelán. As autoridades políticas non teñen interese polo galego, falan castelán e fan o mínimo esforzo para potencia-lo galego. Nas escolas e nos institutos domina o castelán. As aldeas desaparecen e os pais fálanlles na lingua estranxeira ós meniños. Teriamos que ter unha política agresiva e que tratase de persuadir ós galegos a que defendesen a súa lingua. Nada disto pasa e o que temos é o dominio das forzas vivas antigalegas que seguen a vencer pola desidia do noso pobo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: