Por Mariña Arbor Aldea
Alfonso Sánchez é un dos últimos trobadores da lírica galego-portuguesa. O estudio da súa biografía e a fixación e análise da súa producción poética permiten coñecer mellor a evolución da lírica medieval coa tendencia ó tratamento paródico dos tópicos da escola nesta fase tardía. Mariña Arbor Aldea é bolseira de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (Proxecto Arquivo Galicia Medieval, Lírica Galego-Portuguesa) e publicou diversos artigos sobre lírica galego-portuguesa medieval.
O cancioneiro de don Afonso Sanchez. Edición e estudio aborda a edición crítica do corpus poético do trobador portugués don Afonso Sanchez (ca. 1289-1328), bastardo de don Denis de Portugal e un dos últimos representantes da tradición lírica galego-portuguesa. O traballo contempla, en concreto, o estudio da biografía do Señor de Albuquerque, a fixación textual do seu cancioneiro, seguindo a metodoloxía en vigor no ámbito da crítica textual románica, e a análise literaria deste, constituído por un total de quince composicións, en particular, nove cantigas tradicionalmente adscritas ó rexistro cortés, dúas cantigas de amigo, tres textos de escarnio e unha tensó, tamén pertencente ó xénero de escarnio, que o trobador sostén co nobre portugués Vaasco Martiiz de Resende. O volume está estructurado nos capítulos que a seguir se describen.
Na Introducción preséntase o estudio no seu conxunto, sinalando as fontes que transmitiron o corpus poético de don Afonso Sanchez, basicamente o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (B) e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana (V), copiados en Italia a comezos do século XVI por mandato do humanista Angelo Colocci. Así mesmo, os textos do trobador foron reproducidos no Cancioneiro da Bancroft Library (K), codex descriptus de V elaborado en Italia entre 1592 e 1612 e hoxe depositado na Universidade de Berkeley (California), e son mencionados no índice de Colocci, na coñecida Tavola Colocciana (C). Para a tensó que o Señor de Albuquerque sostén con Vaasco Martiiz de Resende conta a autora aínda con outros dous relatores, as copias do século XVII coñecidas polas siglas M e P, conservadas, respectivamente, na Biblioteca Nacional de Madrid e na Biblioteca Pública Municipal do Porto. Tódolos manuscritos mencionados, todos eles tardíos, son empregados na presente edición crítica, avaliando convenientemente a súa posición no stemma codicum da tradición manuscrita galego-portuguesa e o peso que como relatores poéticos teñen para a producción lírica do trobador portugués.
No capítulo primeiro, Datos biográficos, estúdiase a personalidade histórica de don Afonso Sanchez a partir da documentación medieval dispoñible, na que deben salientarse os denominados tres Manifestos, publicados por don Denis durante a guerra civil de 1319-1324, das fontes cronísticas, fundamentalmente a Crónica Geral de Espanha de 1344, a Crónica de Portugal de 1419 e a Gran Crónica de Alfonso XI, dos Livros de Linhagens, destacándose o Livro de Linhagens do Conde D. Pedro, e de diversos estudios históricos sobre a nobreza portuguesa e sobre o reinado de don Denis, entre os que merecen relevo particular as achegas feitas a este tema polos investigadores portugueses nos vinte últimos anos. Reconstrúese neste capítulo a vida do trobador, alto membro da curia rexia e señor dun importante patrimonio repartido entre Portugal e Castela, avaliando o seu papel no conflicto de 1319-1324, no que se lle atribuíu tradicionalmente a don Afonso Sanchez un papel protagonista, pois o bastardo rexio mesmo foi considerado como detonante dunha guerra civil que, como se sinala no estudio, respondía a causas de índole política e estructural ben máis complexas.
No capítulo segundo, dedicado á tradición manuscrita, abórdase a transmisión do corpus lírico de don Afonso Sanchez, dando conta da súa localización nos códices e das particularidades de copia que caracterizan cada ciclo de textos do trobador. Ademais, neste apartado, estúdianse os problemas de autoría suscitados pola cantiga de escarnio Uu ricome a que uu trobador (B 781, V 365), que aparece copiada no Cancioneiro da Vaticana baixo a rúbrica atributiva de Pero dOrnelas, e analízanse, así mesmo, o momento e as características que definiron a chegada tardía, tal vez arredor de 1325, de don Afonso Sanchez á compilación que conservou o conxunto da producción lírica galego-portuguesa e que lles deu orixe ós apógrafos italianos.
No capítulo cuarto, Textos, que está precedido polo dedicado ós Criterios de edición, proporciónase a lectura de cada unha das cantigas, que vai acompañada por un aparato crítico desglosado en tres franxas, unha primeira para as variantes significativas e erros de copia, unha segunda para as variantes gráficas e unha terceira para as lecturas dos editores que se ocuparon con anterioridade das cantigas do trobador. Achéganse, ademais, diversos datos relativos ós textos, entre eles a indicación do lugar que a cantiga ocupa nos manuscritos, reseña das edicións anteriores e análise das notas e apostilas coloccianas que a acompañan nos códices, e realízase, así mesmo, un breve comentario métrico, retórico e literario de cada composición. A seguir preséntanse as Notas, nas que se comentan as variantes de lectura dos editores precedentes da cantiga e as emendas que se introduciron no texto no curso da edición. Neste apartado inclúense, ademais, tódolos comentarios de orde lingüística, literaria ou formal que se estimaron necesarios para o correcto entendemento dos textos.
Deben destacarse neste capítulo, que constitúe a parte central do estudio, tanto as achegas feitas á fixación textual das cantigas, algunhas con importantes problemas de tradición manuscrita, como os comentarios, tanto dende un punto de vista temático como retórico, que acompañan as composicións. No que fai ó primeiro punto, merecen subliñarse as solucións críticas achegadas para as conflictivas cantigas Mia senhor, quen me vos guarda (B 413, V 24), Pois vós per i máis de valer cuidades (B 414, V 25) ou Conhocedes a donzela (B 415, V 26), nas que as novas solucións textuais van acompañadas dun cambio na propia interpretación do texto, ou nas cantigas Vaasco Martiiz, pois vós trabalhades (B 416, V 27), Uu ricome a que uu trobador (B 781, V 365), AfonsAfonses batiçar queredes (B 782, V 366) ou Dizia la fremosinha (B 784, V 368), nas que a atención prestada tanto á lección transmitida polos manuscritos como á disposición gráfica destes permite fixar adecuadamente a estructura estrófica e a métrica das composicións. Polo que atinxe á análise interna da producción poética de don Afonso Sanchez, sublíñase a interrelación que nela se verifica entre os planos conceptual e formal, analizando cada un deles. Dende un punto de vista temático, destácase a presencia no cancioneiro do trobador portugués de motivos herdados da tradición poética xunto á revisión paródica deses mesmos motivos nalgunhas cantigas en particular en Mia senhor, quen me vos guarda e en Pois vós per i máis de valer cuidades, nas que o propio amor cortés, tal como fora codificado ó longo de máis dun século de cultivo da arte de trovar no occidente da Península, é cuestionado e mesmo negado a través, basicamente, da ironía e da parodia dos vellos tópicos da escola. A selección temática que efectúa o trobador vai parella á escolla que se verifica nos procedementos retóricos e de construcción da cantiga. Destácase aquí o recurso por parte de don Afonso Sanchez á cantiga de mestria, elaborada en talhos de tres ou catro cobras seguindo esquemas métricos ricos e variados, a selección de rimas, algunhas delas rimas caras, as técnicas de construcción do texto paralelismo, cantiga ateuda, técnicas de conexión estrófica e o emprego de elementos retóricos, tanto dos adscritos tradicionalmente ó ornatus difficilis metáfora, antítese, metonimia, sinécdoque, perífrase ou hipérbato como dos colores rhetorici figuras de repetición, tanto en contacto como a distancia, derivatio, políptoto, figura etimolóxica, mot-equivoc ou dobre, entre outros, de amplo uso na lírica galego-portuguesa.
O volume complétase, finalmente, cun capítulo quinto, no que, baixo o título Apéndice, se recolle un glosario, un índice de rimas e unha táboa de concordancias dos textos nos manuscritos e nas edicións precedentes, cun apartado dedicado á reproducción dos manuscritos que transmitiron o corpus poético do trobador (capítulo sexto) e cunha ampla selección bibliográfica (capítulo sétimo e último).
Mariña Arbor Aldea
O cancioneiro de don Afonso Sanchez. Edición e estudio
Tese de doutoramento dirixida por Pilar Lorenzo Gradín
Facultade de Filoloxía, Universidade de Santiago de Compostela, 2001
Publicada en:
Santiago de Compostela: Universidade, 2001
ISBN: 84-8121-951-7