Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Gratuidade dos libros de texto, un debate posible

Nos últimos meses, a gratuidade dos textos escolares protagonizou un deses escasos momentos en que a educación brinca ao debate político do país.

- 07:57 21/09/2001
Tags:

Os programas dos partidos ao respecto: O PP non afronta a cuestión. Só no apartado de axudas suplementarias á escolarización, fala do incremento das axudas para libros de texto e outros materiais curriculares, a través tamén da colaboración con outras institucións de cara á potenciación de bibliotecas escolares e fomento da lectura.

O BNG propón regular cun decreto as partidas económicas específicas para a adquisición de material escolar, transporte, comedor, residéncias e taxas académicas no ensino post-obrigatório e Universitário. Fala ademais dunha gratuidade progresiva do material escolar básico no ensino obrigatorio. E engade a petición ao goberno do Estado a transferéncia completa de todas as partidas relacionadas con becas, bolsas e axudas ao ensino.

O PsdeG - PSOE non fai mención no programa a esta cuestión.

Nos últimos meses, a gratuitidade dos textos escolares protagonizou un deses escasos momentos en que a educación brinca ao debate político do país. A información chegaba ás axendas dos medios logo dunha proposta do grupo político do PsdeG. Os socialistas anunciaban a posibilidade de sufragar o gasto dos libros de escolares ás familias galegas, rematando con ese esforzo económico ao que cada setembro se enfrontan pais e nais para encher as mochilas dos fillos. Segundo os socialistas, sería posible afrontar ese gasto dende os presupostos da Xunta. Arredor de 6.000 millóns de pesetas era a factura global que estimaban.

En realidade a proposta non era orixinal deste partido. O BNG reclamaba para si esa condición. Tempo antes eles mesmos presentaran un proxecto similar. De calquera maneira, e rivalidades de oposición aparte, coincidían na idea básica: libros da escola gratis para os cativos. E en calquera caso, a proposta non era asumida polo partido no goberno, o PP.

Parece razonable que a escola en determinado momento poida proporcionar aos cativos os libros de texto para o curso escolar, e que estes, unha vez rematado o ciclo lectivo sexan devoltos e poidan aproveitarse para os almunos de cursos vindeiros. Asociacións de todo tipo, de pais, de alumnos, de profesores, ou mesmo de consumidores se teñen pronunciado nese sentido.

Pero neste momento introducimos unha variante no debate para a reflexión: Os libros de texto non son obligatorios...¿Que significa iso? Nunha famosa serie de animación televisiva, os Simpson, o traste protagonista rouba os libros guía do profesorado, provocando o pánico xeralizado no gremio docente. Valémonos desa esaxerada anécdota para explicar o significado inevitable que adquiriron os textos escolares no sistema actual. Non se discuten, son o faro ás veces case único do calendario escolar. Unha ferramenta cómoda, indiscutiblemente útil, pero...¿imprescindible?

É necesario, xusto e correcto que o mestre ou o profesor dispoñan de materiais curriculares que faciliten o desempeño da súa labor docente. Pero puidera ser discutible tamén que eses materiais deban ser sistematizados invariable e rixidamente en textos con data de caducidade que non poidan ser reciclados para novo uso en anos posteriores.

¿Ë posible a dotación de material didáctico para as escolas, baixo fórmulas máis novidosas e flexibles, dos cales a escola ficase en propiedade e que puidesen ser reutilizados e ir conformando unha pequena e variada escolma de recursos cos que afrontar os obxectivos pedagóxicos previstos?

Iso pode introducir dinamismo e dar novos azos á educación, xa que como dicía recentemente o catedrático coruñés Jurjo Torres arredor desta mesma cuestión, “unha escola vella ás veces diferenciase dunha nova pouco máis que nas paredes gastadas”. O debate queda aberto.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: