Cando vemos as fotografías das tendas de Zara no Xapón, ou en Uruguai resulta difícil pensar nunha pequena camisería da rúa Torreiro, na Coruña. Pero así son, así foron, as cousas da vida de Inditex.
Por Roberto Vázquez Noguerol
O ciclista
¿Acórdanse vostedes de cando o Dépor foi virtual campión de Liga durante
media hora? Ano 50, non puido ser daquela. Pero comezaba a primeira década
de ouro do equipo. Eran os tempos da 'Orquestra Canaro'. Por aquel tempo
facía o seu paso fugaz polo equipo Amancio Amaro, futbolista.
Pero ocúpanos aquí outro Amancio, un mozo que por eses anos era Amancio
Ortega, o ciclista. E non precisamente por deporte. O mozo Ortega pasaba o
día sobre unha bicicleta entregando os pedidos dunha coñecida camisería da
rúa Real. Sobre rodas dende o principio.
Era a camisería Gala, aínda existente na cidade. E dende alí, no cruce de
Bailén, Rego de Auga e a Real saía o mozo Amancio coa bici a entregar os
pedidos que facía a burguesía coruñesa da época. De alí pasou a La Espuma,
tamén no sector da confección.
A familia Ortega, da man do pai ferroviario chegara á Coruña no 50. Tiña
Amancio daquela catorce anos. E chegados os 60 foi dar a La Maja, tenda de
moito renome pola época e onde tiñan en estima a seu irmán Antonio que
chegaría a viaxante. O mesmo Amancio ascendeu ao pouco tempo a dependente.
Un pasiño máis. Alí tamén lle encheu o olliño ao pequeno dos Ortega unha
compañeira de traballo, moza que atendía por Rosalía e que sería a súa
muller poucos anos despois.
Adicábanse, á parte das camisas, a lencería e outras prendas. E disque foi
alí onde viu Amancio Ortega o camiño por onde había de tirar en anos
posteriores. Os donos de La Maja traían moito material de Cataluña, e había
en especial unha bata rosa a onde se lle iba a vista a canta muller por alí
pasaba. Bata que por suposto non calquera podía permitirse.
A bata de guatiné
Así, e logo de convencer a muller, irmán e a un tal Caramelo (José Antonio),
viaxante do que tamén lles soa o nome..., embarcáronse no empeño de copiar
aquel deseño coa idea de vendelo a metade de prezo. Dun baixo da rúa Noia
saíron desa maneira esas batas de guatiné que facían as delicias das
mulleres da época.
E non se deberon vender mal. Ao pouco tempo, a tropa cruzaba a Ronda de
Outeiro ata San Rosendo para montar xa un taller en plan máis serio. Era o
ano 63 e nacía Confeccións Goa (iniciais de Amancio Ortega Gaona ó revés). O
inicio dun imperio...
Nace Zara
A primeira tenda Zara non xurdiría ata 1975. Pretiño daquela Gala onde
comezara de recadeiro, Ortega montou a tenda emblemática na Coruña do grupo.
Entre Santo Andrés e a Galera, na rúa Torreiro, preto dos míticos almacéns
Barros. E comezou metendo a zoca.
No solar onde estivo Barros instalouse hai uns anos a multinacional Virgin
coa intención de vender discos. A cousa non debeu ir moi ben e desistiron
non moito despois. Anécdotas da vida, moitos anos antes, no primeiro Zara
daquela rúa Torreiro, Ortega tentara vender discos e mesmo libros, ademais
das súas prendas. Non puido coa competencia de Barros alomenos pola vía dos
grandes almacéns, así que decidiu cinguirse á roupa. Non volvería ter outro
tropezo.
Voltas que dá a vida, logo do fracaso de Virgin, Ortega acabou facéndose co
histórico local por vía doutra das súas empresas, Bershka. Alguén que
cruzara a rúa sen mirar ás beiras podería pensar que non mudaran as cousas.
Vídeos emitindo a MTV, decoración de última xeración e música a todo volumen
azuzando os ánimos consumistas do persoal: rapaciñas revolvendo entre
prendas de moito colorido e estravagancia. Formas e estética como para
tumbar do susto calquera avoa mociña dos tempos das batas de guatiné coas
que comezou a historia.
A pegada do tsar na Coruña
Unha rúa por outro lado, preto de Zalaeta, onde se di que vive o
empresario, e colonizada case polas súas empresas. Fronte a ese novo
concepto que lle chaman Bershka, está un remodelado Zara, espacioso,
luminoso e bulir continuo de xente, onde xa non hai aquela pequena gardería
infantil do piso de arriba onde as nais deixaban os seus cativos mentres
desgadellaban nos estantes da tenda buscando a última ganga. Será que os
tempos mudaron, será que o vello Amancio sempre a matinar e coas orellas moi
abertas ás necesidades da clientela matinou que xa non era preciso.
Á beira deste Zara, a sofisticación urbanita doutra adquisición de Inditex,
as tendas Massimo Dutti. Contan nos mentideiros que nin tolo se pon o Ortega
un traxe dos que alí venden. Tense dito tamén que non levaba garavata nin
cando no 63 chegou a un banco dos Mallos a pedir un crédito para comezar co
'chiringuito'.
Ecléctico panorama da rúa Torreiro, cos seus carteis publicitarios á
entrada por Santo Andrés, non, de Zara non, non vaian pensar ¿algunha vez
viron por aí un anuncio de Zara?
E da outra volta tascas clásicas coruñesas xa entrando na rúa da Barreira.
Por alí no medio aínda hai, un vello edificio, marelo do tempo, e de marcos
verdes na fiestra, a casa onde naceu Wenceslao Fernández Flórez. E mesmo
queda lugar para unha pequecha, modesta e independente tenda de moda, case
porta con porta co todopoderoso Zara.
Pero non queda aí a pegada do tsar de Zara na cidade. Na rúa de Juan flórez
está a ampla tenda que marcou estilo no modelo a implantar polo grupo en
todo o mundo. E case á beira da camisería Gala onde o patrón de Inditex fóra
fora recadeiro, unha tenda de Pull and Bear ocupa o lugar do emblemático e
recentemente desaparecido cinema París.
Din que Amancio Ortega vai aos partidos do Dépor, que gusta de saír pola
cidade e levar unha vida normal. Se cadra cruzáronse con el algunha vez por
aí. A penas hai un par de fotos del, ningunha entrevista. Se cadra visten
agora mesmo algunha prenda comprada nunha das súas tendas. Din que é o home
máis rico do país.
|