Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Bush bloquea a normalización coreana

O recente encontro entre Kim Dae Jung, Presidente de Corea do Sur, e George W. Bush, viu a confirmar o atasco en que se atopa o proceso de normalización coreana. Tamén aquí son apreciables as diferencias co mandato do demócrata Clinton. Bush transmitiulle ao Presidente surcoreano o seu escepticismo sobre a dirección política de Corea do Norte, esixindo unha nova verificación da súa suposta capacidade para o desenvolvemento de mísiles. Washington, ademais, descarta a posibilidade de abrir un diálogo inmediato coas autoridades de Pyongyang, tal como pretendía o propio Clinton enviando á súa secretaria de Estado, Madeleine Albright, ao país do pensamento zuche. Bush prantexa unha revisión a fondo da política norteamericana en Corea antes de reanudar as negociacións co Norte.

- 08:16 13/03/2001
Tags:

As palabras de Bush, confirmadas polo seu secretario de Estado, Colin Powell, revelan a existencia de criterios diferentes entre ambos os dous aliados, se ben a súa orixe podería obedecer ao "malentendido" suscitado por Seúl na declaración final do cumio celebrado recentemente con Rusia na que afirmaban compartir o parecer de preservar e afortalar o Tratado ABM de 1972, definido no comunicado como "a pedra angular da estabilidade estratéxica no mundo" que a Casa Branca pretende modificar para establecer o sistema NMD (Defensa Nacional Antimíseis). Kim Dae Jung ofreceu garantías a Washington de que non se opón ao NMD, pero tampouco expresou ningún apoio explicito a unha iniciativa que pode dar lugar a unha nova espiral armamentística na rexión de Asia-Pacífico nun momento en que a desmilitarización en Corea é condición sine qua non para asinar o Tratado de Paz.

Mentres, en Pyongyang, sabedores do cambio de actitude de Washington, xurdiron as voces de ameaza: se Washington non proporciona os dous reactores nucleares de auga lixeira como prometeu en 1994, reanudarán o seu programa nuclear e de mísiles. Segundo o acordo asinado en Xenebra en 1994, Corea do Norte reemprazaría os seus reactores de granito por outros de auga lixeira proporcionados por Estados Unidos. Os reactores debían entrar en funcionamento en 2003, pero levan varios anos de retraso sobre o programado.

Para Kim Dae Jung, a fórmula de relación con Corea do Norte debe ser de "reciprocidade global", é dicir, basearse nunha ampla visión das relacións bilaterais na que todos deben ceder e aportar algo para conseguir a paz e garantir a seguridade da península e da rexión. Afondando na cooperación, nos intercambios, na asistencia económica, e na interdependencia intercoreana, é posible asegurar a paz máis alá da simple ausencia de hostilidades.

As relacións entre as dúas Coreas melloraron de maneira significativa dende a cumbre de Xuño do pasado ano. Kim Jong Il debe visitar Seúl este ano. O comercio bilateral pasou de 18 millóns de dólares en 1999 a 400 millóns en 2000. As comunicacións ferroviariarias e terrestres estanse restablecendo. Hai unha disposición ao cambio en Corea do Norte, tal como confirma tamén esa normalización diplomática con Italia, Filipinas, Australia, Reino Unido, Holanda, Bélxica, Canadá, España e esta semana Brasil. Pero en Washington impera o inmobilismo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: