Benigno Andrade, o máis famoso guerrilleiro antifranquista, naceu no lugar que lle deu o alcume, Foucellas (Cabrui-Mesía), en 1928. A menos de 10 quilómetros en Fervenzas, Aranga, nacía tamén en 1928 Xosé Gómez. Non había naquel tempo pola parte de Curtis dous mozos tan garridos coma eles e, aínda que non respirasen en política do mesmo xeito, para ben ou para mal, o labrador de Fervenzas e o guerrilleiro de Cabrui estaban condeados a atoparse. E atopáronse abófé. Por Xurxo Souto.
Xosé ía decote visitar unha moza a Vilasantar e sempre aparecía no camiño Foucellas con algún compañeiro. Estamos sen branca, da súa boca non saía outro retrouso. Xosé dáballes a carteira collían o que querían pero sempre me deixaban algo. Aí portábanse ben. E continúa: unha vez puxérome unha multa da súa xefatura de 2.000 pesetas. Pagueina. Despois entereime que con eses cartos comprou Foucellas unha pulseira para unha rapaza. Insisto. Eran os rapaces con máis engado da volta, corenta anos depois seguen latexando rivalidades galantes.
A propaganda da dictadura quixo converter a Foucellas nun simple ladrón. Benigno Andrade deixou na memoria popular o pouso de admiración e simpatía de aquel que foi quen de enfrontarse de brozos contra un poder ilexítimo. Gracias a traballos recentes e rigorosos como o de Luís Lamela, a súa figura comeza a superar a lenda negra, e a ocupar o papel na historia que lle corresponde de seu como republicano coherente e guerrilleiro antifranquista.
Neses anos difíciles Xosé, como tantos outros, atopouse entre dous lumes. Entre os requerimentos de aloxamento e alimento dos guerrilleiros e a presión da Garda Civil. Unha vez no café de Celestino en Curtis, o tenente colleume pola lapela e díxome que eu tiña que coller ao Foucellas. Contesteille que o que tiña que facer era ir á miña casa cavar e máis ferrar as bestas, e que el a fin de mes recibía un sobre co soldo. Costestoume: "me las vas a pagar". E ao final pagueillas.
A resistencia antifranquista contemplou desolada como, tralo remate da II Guerra Mundial, as democracias vencedoras non propiciaron o agardado derrocamento do réxime fascista de Franco. Frustrada esta esperanza, a guerrilla, ata entón ben artellada, foise esfarelando diante da presión da Garda Civil. Foucellas e os derradeiros compañeiros, abandonaron a loita organizada e volveron a unha situación de fuxidos dedicándose á mera supervivencia. Foucellas foi detido en 1952 no seu agocho, unha cova no lugar da Costa, en Oza dos Ríos. Foi o golpe de efecto definitivo que a dictadura lle daba a guerrilla. Trala súa declaración case oitenta persoas foron detidas, mostra inequívoca do apoio que seguía a ter na xente do pobo. Entre os oitenta tamén estaba o señor Xosé. Viviu primeiro en Betanzos e logo na Coruña os derradeiros días do guerrilleiro, antes de ser condeado á pena de morte, executada mediante o garrote vil. Sempre estivo moi tranquilo.
Foucellas hoxe é un mito, o seu nome rexouba por Curtis, Oza, Mesía,Trasanquelos. Xosé Gómez, 91 anos, está cargado de lembranzas deses mesmos outeiros. Forzando os paralelismos el tampouco debería estar vivo. Neses anos corenta, unha noite foi asaltado nun camiño. Non viu a cara de quen lle apuntaba, pero repúxoselle. Recibiu un disparo directamente no ventre. A bala tropezou contra un botón metálico do seu gabán de becerreiro, e entrou sen forza amodiño e foi esvarando pola pel ao redor do corpo ata quedar acochada nunha nádega. Andando o tempo un veciño amigo seu e dos guerrilleiros -cortáballes o pelo-, fíxolle esta confidencia: O que che disparou esa noite foi o Foucellas, nunca cho contei porque sabía que ti queimábalos a todos. Díxome o propio Foucellas, 'este Xosé qué bon era para andar con nós, qué sangue frío ten'.