Das cinco eclipses do ano 2001 (dúas de sol e tres de lúa) os galegos só poderemos ver unha, a que terá lugar hoxe martes 9 de xaneiro a iso das nove e vinte da noite. Obviamente, iso será se o tempo nos deixa. Trátase dunha eclipse total de lúa, que acontece ao colocarse a Terra xustamente entre o Sol e este satélite, impedindo deste xeito que a luz do primeiro chegue ao segundo. Sen embargo, a lúa non chega a desaparecer nunca por completo debido a que a nosa atmosfera desvía os raios solares cara alí. Obviamente non fai falta ningún tipo de protección óptica: o satélite pasará de tons ocre ata o laranxa ou cobrizo, dependendo da transparencia da atmosfera. A última eclipse total de Lúa visible en Galicia tivo lugar o 21 de xaneiro do pasado ano 2000. No ano 2002 non se poderá ver ningunha eclipse deste tipo dende o Estado español. Ademais deste -único visible este ano na Península Ibérica- este ano produciranse outros catro fenómenos: un total de Sol (21 de xuño), parcial de Lúa (5 de xullo), anelar de Sol (14 de decembro) e penumbral de Lúa (30 de decembro). O Observatorio Astronómico da USC achega máis información sobre este tema.
.