A Área de Toxicoloxía do Instituto de Saúde Carlos III, dependente do Ministerio de Sanidade, aconsella que a distancia mínima entre unha antena base de telefonía móbil e as persoas sexa dun mínimo de seis metros. Nun informe afirma que "as normas de seguridade para a exposición incontrolada poderían incumprirse se as antenas se instalasen de tal xeito que o público tivese acceso a zonas situadas a menos de seis metros das antenas". Ningunha das compañías operadoras cumpre esta recomendación. En todo o Estado español xa se levan instaladas 22.000 antenas de telefonía móbil, parte delas en terrazas e azoteas de edificios urbanos.
As radiacións electromagnéticas emitidas polas antenas de telefonía móbil producen calor nas células do organismo. Os efectos sobre a saúde deste aumento inducido de temperatura están a ser obxecto de estudio. A Organización Mundial da Saúde (OMS), a UE e algúns países crearon grupos de investigación para coñecer a posíbel incidencia destas radiacións na saúde das persoas.
Polo de agora, non hai certeza de que a exposición ás radiacions de
antenas de telefonía móbil cause prexuízos na saúde da poboación. Porén, tampouco se pode descartar nestes momentos a inexistencia de riscos significativos, polo que "as lagoas no coñecemento" aconsellan aplicar o principio de precaución.
Unha das recomendacións que se fan actualmente é a de delimitar "zonas de exclusión" arredor das antenas base e "que se preste atención especial á ubicación de antenas en zonas cercanas a escolas e outras áreas sensíbeis". O goberno australiano recomenda alonxar estas antenas máis de 500 metros de centros escolares.
Se as compañías partillasen as antenas, podería reducirse a súa proliferación. Malia estar previsto na normativa española como unha opción desexábel (aínda que non obrigatoria), cada unha das tres compañías operadoras ten a súa rede propia de antenas. Segundo un representante de Airtel, "non se partillan porque Telefónica non quixo no seu momento, o que nos obrigou a multiplicar o número de antenas e o gasto".