Rosa Navia Porta, Lupe Gómez, Soedade Noia e Antón Rodríguez López son os gañadores da quinta edición do premio xornalístico "Manuel Reimóndez Portela", ao que concorreron co monográfico titulado "Ler, dimensión paralela", publicado na Revista das Letras do xornal "O Correo Galego".
O xurado desta edición do concurso outorgou dúas mencións especiais a Xulio López Valcárcel, pola obra "A lectura como pracer", publicada en "El Ideal Gallego", e a Manuel Pereira Valcárcel, polo traballo "Libros para seguir adiante", presentado tamén no xornal "O Correo Galego".
Este premio foi creado pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada no ano 1995, co obxectivo de estimular a creación xornalística e promocionar a lectura, especialmente entre público máis novo.
Nesta ocasión, o xurado estivo integrado polo presidente executivo desta fundación, Miguel de la Calle Amaro; o escritor Xosé Neira Vilas; o gañador da anterior edición, Francisco Castro; o mestre e escritor David Otero; o profesor Xosé López Vilariño; o escritor Xosé Luna Sanmartín; e María Carmen Frey, secretaria e membro do comité de seguimento do premio xornalístico.
A entrega destes galardóns realizarase o vindeiro día 16 deste mes, no marco da "XIV Feira do Moble de Galicia". Asemade, o comité de seguimento do certame entregaralle a Xosé Neira Vilas, mantedor do evento, un medallón conmemorativo coma mostra de agradecemento ó seu labor.