Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A DÉBEDA PENDENTE COAS VÍTIMAS DA GUERRA CIVIL

Amnistía insiste en poñerlle fin ao "silencio e a inxustiza de case 70 anos"

"É tarde para moitas persoas, pero non para todas", afirmou este luns Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional en Vigo durante a presentación dun informe do colectivo baixo o título A débeda pendente coas vítimas da Guerra Civil e do rexime franquista. Amnistía lembra que moita xente "foi privada dos seus dereitos para atopar a verdade, xustiza e reparación" e insiste en que "é o momento de ir máis aló dos actos de homenaxe e reparación moral: é tempo de rehabilitar os dereitos das vítimas e asegurar o dereito á verdade e o deber de non esquecer".

- 09:47 19/07/2005
Tags:

"O país que pediu a extradición de Pinochet e cuxa Audiencia Nacional condeou recentemente un ex militar arxentino, Scilingo, por crimes de lesa humanidade, aplicando o principio de xurisdicción universal, non foi quen de ofrecerlle verdade, xustiza e reparación para aquelas vítimas do seu propio país que padeceron abusos graves durante a Guerra Civil e o rexime franquista", subliña Alberto Estévez.

Dende Amnistía Internacional lembran que en todo o mundo leváronse á xustiza aos autores de crimes contra a humanidade. Dende Europa a América Latina, a asociación fai repaso por exemplo de como os peores criminais das potencias do Eixo foron enxuiciados en Nüremberg ou Tokio por feitos contemporáneos aos acontecidos en España. Do mesmo xeito, en América Latina establecéronse mecanismos para o esclarecemento da verdade respecto de crimes realizados nos últimos trinta anos.

Amnistía láiase de que pola contra, "en España proseguiu ata os nosos días o silencio e a impunidade respecto de atroces crimes dos que os autores tiveron o amparo do rexime franquista e non renderon contas" e advirten que despois da ditadura e ata os nosos días "non houbo unha investigación imparcial que aclarase os feitos e establecese responsabilidades".

O colectivo pide por iso que se cree un órgano oficial temporal de carácter non xudicial "co mandato de investigar os crimes contra o dereito internacional cometidos durante a Guerra Civil e o rexime franquista" e que o Estado español recoñeza publicamente "que lle privou de recursos efectivos a certas vítimas da guerra e da ditadura" e se comprometa á rehabilitación dos seus dereitos. De igual xeito, píense recursos para a localización de foxas, exhumación de cadáveres e identificación de restos, entre outras medidas.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: