Vieiros Buscador
 NOVIDADES
 DOSSIERS
 TOP100


Axuda

1. ¿Que é o directorio de Vieiros?
2. ¿Que diferencia hai entre un directorio e un buscador?
3. ¿Como busco en Vieiros?
4. ¿Por que algunhas das miñas buscas rematan en Dmoz?
5. ¿Por que non atopo unha web no directorio?
6. ¿Como engado unha web ao directorio de Vieiros?
7. ¿Como incluír publicidade?



..................................................

1. ¿Que é o directorio de Vieiros?

O directorio de Vieiros é unha guía dos recursos galegos en Internet, que inclúe non só os sitios webs en lingua galega, senón tamén aqueles promovidos por galegos ou que tratan temas relacionados con Galicia. Un equipo de xornalistas encárgase de visitar, analizar e avaliar os sitios e organizalos segundo o seu contido en categorías e subcategorías.

Todas as webs do directorio atópanse nunha das 14 categorías principais: Negocios, Goberno, Lecer, País, Medios, Rede e Informática, Colectivos, Deportes, Educación, Lingua, Ciencia, Arte e Historia, Emigración e Persoais.

Para catalogar os sitios téñense en conta diversos factores, como o deseño, as linguas en que está escrito, a periodicidade de actualización ou a súa representatividade.

..................................................

¿Que diferencia hai entre un directorio e un buscador?

Os directorios e os buscadores, aínda que ambos os dous serven para localizar webs, teñen cadanseu enfoque e presentan a información de xeito diferente.

O directorio está estructurado tematicamente. Por exemplo, para ver a lista enteira das webs relacionadas co teu equipo de fútbol favorito terás que visitar a categoría Deportes. E dentro desta, elixir a disciplina deportiva que che interesa. Así sucesivamente, ata chegar ao recurso concreto desexado.

No caso do buscador, tes que introducir unha palabra na caixa de texto. Por exemplo, "paxaros". E o motor de busca amosarache unha listaxe de todos os sitios web que conteñen ese termo, que pode estar localizado no nome do sitio, na descrición ou nunha serie de palabras chave fixadas polos redactores.

..................................................

¿Como busco en Vieiros?

Non tes máis ca introducir unha palabra na caixa de texto e facer clic en "Buscar".

Algunhas veces quererás introducir un nome formado por varias palabras. Por exemplo, "Ría de Arousa". Non uses comiñas nin indicadores booleanos, e pon simplemente as palabras separadas por espacios. O buscador amosarache, en primeiro lugar, os resultados que conteñan a cadea completa, e logo, aqueles nos que atope os termos "Ría" e "Arousa" por separado.

Outra opción é utilizar o directorio baseado en categorías temáticas, recomendable cando non estás buscando unha web en particular. Por exemplo, se andas a procurar receitas, no directorio atoparás unha categoría con numerosas webs, e onde probablemente haberá algo do teu gusto.

Unha vez que entras dentro dunha categoría, podes navegar polos seus apartados ata localizar o recurso desexado ou, se o desexas, volver usar a caixa de texto do buscador. Neste caso, indica se queres que o sistema rastrexe na categoría en que estás ou en todo Vieiros.

..................................................

¿Por que algunhas das miñas buscas rematan en Dmoz?

Cando introduces unha palabra na caixa de texto do buscador podes elixir que che localicen os recursos na rede galega ou en toda a rede. No primeiro caso, o buscador rastrexará na base de datos de Vieiros, e no segundo, activarase o motor de busca Dmoz.

Dmoz é un directorio aberto, sen ánimo de lucro, que se actualiza con editores voluntarios para cada categoría. Nel poderás obter millóns de recursos en todos os idiomas e elaborados dende calquera parte do mundo.

..................................................

¿Por que non atopo unha web no directorio?

Se non dás atopado unha web no directorio, deberase principalmente a dúas razóns: ou que non está rexistrado por descoñecemento da súa existencia, ou quizais o termo que mandaches buscar non se corresponde exactamente co rexistrado. Revisa a ortografía, controla os espacios en branco e os signos ortográficos e téntao de novo.

..................................................

¿Como engado unha web ao directorio de Vieiros?

Se queres que a túa web ou unha que ti coñeces estea no buscador de Vieiros, clica na icona respresentada cun signo máis (+), na parte superior esquerda do Buscador. Aparecerá un formulario electrónico no que se che pide información sobre a web: nome, enderezo, descrición orientantiva, correo electrónico... É obrigatorio indicar, alomenos, unha conta de correo da web. Se non tivese, cubre o campo coa túa. Así, se existise calquera problema para o rexistro, podémonos pór en contacto.

Logo, un equipo de catalogadores visitará e avaliará o sitio, adxudicaralle unha categoría e fará as correccións oportunas. Canto máis precisos sexan os datos que nos envíes, máis rápido será o proceso. A túa web incluirase na base de datos do buscador no prazo máximo dunha semana.

..................................................

¿Como incluír publicidade?

O buscador é un servicio gratuíto de Vieiros e non ten por obxectivo a promoción de determinadas webs mediante sistemas de valoración extra. Ora ben, é posible incluír publicidade no buscador, tanto no seu conxunto, como en seccións específicas ou mesmo con buscas concretas dos usuarios.

Pregúntanos cómo no enderezo de correo publicidade@vieiros.com.

..................................................

Aínda algunhas dúbidas
Se che quedan aínda algunhas dúbidas sobre o funcionamento do buscador, envíanos un correo ao seguinte enderezo: xestionbuscador@vieiros.com. Estaremos encantados de solucionarchas.
 

 





© Vieiros