Co 97% dos votos escrutados, o PPdeG conserva os oito deputados na circunscrición e apaña o 49% dos votos totais.
Todas as enquisas auguraban malos tempos para os conservadores en Ourense. Mais a realidade, unha vez abertas as urnas semella ben diferente. A maquinaria de Baltar volveu poñer contra as cordas a socialistas e nacionalistas ao achegarse ao 50% dos votos e manter os oito deputados.
Nada varía, o PSdeG seguiría con catro deputados e o BNG dous. Os socialistas baixan moi lixeiramente, do 30,72% ao 30,43% (co 99,38% escrutado) mentres os nacionalistas apenas suben unhas décimas, do 16,24% ao 16,8%.
Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.