Un proxecto que en todo o país andino lle asegura cada día un prato de comida quente a máis de 250.000 persoas.
A Secretaría Xeral de Cooperación Exterior da Xunta a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior investiu dende o 2004 un total de 258.000 euros en proxectos de loita contra a pobreza a través de comedores populares en Perú, que xa beneficiaron a unhas 10.000 persoas.
Así, a directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta, Fabiola Sotelo, explicou este xoves nunha rolda de prensa que con esta partida o seu departamento colabora coa confederación Intermón Oxfam e con dúas organizacións de Perú, polo que expresou o seu "orgullo" ao presentar un dos proxectos "modélicos" no que participa o Goberno.
Pola súa banda, a presidenta a Federación de Mulleres Organizadas en Centrais de Comedores Populares autoxestionados e Afíns en Lima Metropolitana (Femoccpaalm), María Boceta, explicou que os primeiros comedores populares naceron a finais dos anos 70 grazas á vontade dalgunhas mulleres dos barrios máis marxinais da capital do país andino, Lima, que uniron os seus recursos para alimentar as súas familias.
Ao respecto, destacou que a función principal destes comedores, que son froito da "solidariedade dos pobres para cos máis pobres", radica en "asegurar" cada día un prato de comida quente a máis de 250.000 persoas "por só un sol" 0,29 euros, e en moitas outras ocasións "por nada máis que un sorriso".
Por outra parte, a presidenta da Confederación Nacional de Mulleres Organizadas pola Vida e o Desenvolvemento Integral (Conamovidi), relinda Soza, concretou que ademais de preparar as comidas tamén tratan de "mellorar as capacidades das mulleres co fin de aumentar a súa autoestima e de que se valoren máis as súas achegas".
Así mesmo, ambas as dúas asociacións tratan de contribuír coas mulleres con diferentes propostas de aprendizaxe para que coñezan mellor os seus dereitos e poidan demandar políticas os gobernos locais que lles beneficien.
Conferencias Neste contexto, Intermón Oxfam presentou un ciclo de conferencias e que comezaron este xoves en Santiago de Compostela e que se prolongarán até o 7 de febreiro nas principais cidades galegas, nas que dúas mulleres relatarán o seu testemuño a preto do desenvolvemento dos comedores populares en Perú.
Deste modo, nunha semana as representantes peruanas percorrerán, ademais da capital galega, Vigo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Lugo e A Coruña, por esta orde, para dar a coñecer as súas experiencias.
Precisamente, o director territorial para Galiza, Asturias e León de Intermón Oxfam, Xosé Luis Quintela, asegurou que as conferencias se postulan cunha mostra de "transparencia" á poboación e servirán para "render contas". Nelas, explicarán as accións que Intermón leva a cabo grazas ás achegas económicas, e destacou a capacidade de "impacto social e político" destas actividades para promover cambios no ámbito local do país.