Os expertos abren o debate na meirande xuntanza económica mundial. Mentres, en todo planeta comezan as actuacións do Foro Social Mundial, xurdido en resposta a Davos.
Bono, de U2, e Al Gore, esta cuarta no foro
Esta cuarta feira comezou en Davos (Suíza) o Foro Económico Mundial, que reúne os economistas dos países máis ricos do Mundo.
Na primeira xornada os expertos amosáronse máis preocupados polo vaticinio dunha recesión económica nos EUA que da caída da bolsa. Os prognósticos apuntan a que a primeira potencia económica mundial vai entrar en recesión a pesares dos traballos que pasen na Reserva Federal e da política monetaria que están a promover. Ao parecer, nin os recortes de tipos de interese nin as medidas fiscais ideadas por Bush para reactivar a economía poderán salvar aos EUA.
Namentres se desenvolvía a primeiro debate do Foro Económico Mundial, por todo o planeta xúntanse as forzas no Foro Social Mundial e vanse contando cara adiante os días que quedan para chegar ao 26 de xaneiro, o Día de Mobilización e Acción Global, no que milleiros de persoas por todo o planeta, marcharán, protestarán, discutirán e debaterán nas vilas, nas aldeas e nos centros urbanos.
Será unha semana completa de mobilizacións que terminará o sinalado día 26.
Promovendo accións descentralizadas e autoxestionadas por todo o mundo
As accións promovidas dunha parte a outra do planeta queren amosar que un outro mundo é posíbel, fronte ás accións do "vello mundo", que estes días xunta en Davos aos seus economistas e especialistas, coas súas ideoloxías capitalistas que, segundo contan dende os Foro Social Mundial, producen "violencia, explotación exclusión, pobreza, fame e catástrofes ecolóxicas, privando a humanidade de seus dereitos fundamentais e esgotando os recursos naturais da Terra".