Volver a vieiros

Onde sempre é bosque

Os encantos do Monte Pindo

Escribir é unha actividade marabillosa e gratificante por diversas razóns. A comunicación profunda e íntima que se establece entre dúas conciencias é, tal vez, a fundamental. Pero escribir é tamén unha aventura onde se poden vivir insospeitadas experiencias, como a que lles vou relatar.

A novela xuvenil, O Segredo da Pedra Figueira, é unha creación imaxinada cando estaba inmersa en lecturas sobre etnografia e sobrecollida por simboloxías primitivas, mitos, crenzas, historias.... Entre tanta información, cheguei a saber que en todas as mitoloxías do mundo a pedra ten poderes máxicos. Tanto no Cristianismo, onde Cristo lle di a Pedro que sobre esa Pedra edificará a súa Igrexa, ata os ritos galegos como o da Pedra de abalar, as fabulacións están enchidas de pedras. A maioría son pedras intermediarias do divino, como foi a Virxe María con respecto a Cristo, pedras con virtudes curativas ou fertilizantes. Non eran esas pedras as que eu buscaba para o meu libro. Quería crear unha pedra superior, base do mundo, a pedra do poder absoluto, a pedra dona da palabra e da sabedoría.

Souben tamén que outro elemento mitolóxico de gran importancia e extensión é a árbore. Hai árbores maxestosas e feiticeiras en todas partes do mundo. Daquela, deducín que a harmonización da Pedra e da Árbore sería un compoñente fantástico. Seguindo a liña conxectural mitolóxica, pensei na árbore que había acompañar a Pedra. Nas miñas lecturas encontrei o dato: a árbore nutricia galega é a figueira. Xa tiña o binomio: Pedra-Figueira, un conxunto inferido dos estudos mitolóxicos, dos coñecementos sobre crenzas enigmáticas.

Chegado o momento de buscar o espacio onde situar este binomio máxico, non dubidei. Debía ser nun monte. O monte é o lugar sagrado por excelencia en todas as mitoloxías. Todas as relixións teñen o seu Sinaí. Nos ritos primitivos galegos, prerromanos e romanos, a xente adoitaba subír ao monte para realizar os sacrificios, humanos ou animais... Máis tarde, unha vez que o emperador romano Constantino aceptou o Cristianismo como relixión oficial do Imperio romano, Galicia foi cristianizada. Neste proceso foron situando as hermidas cristiás onde estiveran as aras sacrificiais anteriores e substituíron, é un dicir, á deusa Nabia por Santa Rita ou pola Virxe do Corpiño ou a Xúpiter por San Roque.

Montes famosos, montes con ascendencia e tradición, non faltan en Galicia. Así, a escolla do monte non foi doada. O monte Sacro parecía ter o nome adecuado. O Tecla tamén ofrecía moitas posibilidades. E que non dicir do Facho, sé de Laerobrigos e deidades prerromanas. Indaguei sobre varios montes pero, ao final, non vacilei en situar o meu conxunto poderoso no monte Pindo. O Pindo altivo, cíclope arrogante fronte a baía; o Pindo colosal acolledor de prodixios; oPindo pedregoso, emblema da Galicia seixal, era, pensei, o sitio idóneo para acoller a Pedra-Figueira. Desde a veciña vila de Carnota, coa raíz prerromana carn ( pedra ), ao cumio de O Pedrullo, mesmo a lingua zoaba como pedras batendo contra os náufragos da Costa da Morte cando o trebón.

O Pindo é, ademais, un monte colmado de lendas onde as herbas medran da noite para a mañá, incitadas polo feitizo da lúa, cinguindo esculturas misteriosas, formas estrañas ciceladas por sagaces lóstregos e polo pedrazo outonal.

Lazo a rapaza adolescente, protagonista da novela, chega en barco, coa súa familia e a súa tribo, e forman un poboado ao pé do Pindo. Chegaran fuxindo dos Lurpios, uns seres terroríficos que invadiron os seus fogares en Tule, non norte de Europa, matando salvaxemente á poboación. Os que conseguen fuxir, elixen un lugar fermoso e seguro para establecerse, baixo a montaña protectora.

Lazo, para adaptarse axiña á terra de acollida, realiza continuas excursións e sobe ao monte para coller herbas medicinais coas que a súa avoa Sensatanai, a sabia da tribo, curaba as feridas e as doenzas da súa xente. Lazo é adestrada pola súa avoa en todas as súas sabenzas, que son moitas, cando non vai pescar co pai ou a traballar na terra coa nai. Pronto queda engaiolada polo monte Pindo. Adoita subir á Moa, o cumio máis alto, desde onde divisa o cabo Fisterra e os embates do mar nos farallóns. Brinca e folga entre os elementos naturais esculcando á píllara real ou o lagarto das silvas, xogando á mariola sobre os petroglifos, contemplando as fantásticas moles escultóricas, descansando baixo os carballos, collendo follas dos loureiros para as caldeiradas que facía o pai coas pescadas que traía do mar, ou refuxiándose nas covas onde, moitos séculos despois, se agacharían os republicanos para protexerse da saña dos gardas civís franquistas cando os perseguen a morte no ano 36. Nunha desas correrías fíxase en tres pedras semellantes e cilíndricas que, rematadas por outra, figuraban como unha cámara. Escoitou unha palabra repetida e, como por ensalmo, as pedras se abriron e, ao final dunha longa escalinata, descobre a Pedra Figueira, unha pedra negra, que relucía con luz propia e daba vida á figueira, verdexante, como regada pola chuvia de maio.

Cando xa tiña escrita a novela, achegueime á zona para ambientarme antes de darlle o toque final. Pasei un día magnífico polo faro de Fisterra, Carnota co seu longo hórreo, Lariño, Lira, San Mamede..., Ézaro, onde cismei no suicidio do río Xallas. Á tardiña collín o coche para regresar e, a poucos metros, lin un topónimo nunha lámina metálica que anunciaba Pedra-Figueira. Xa se imaxinan a miña impresión. Batíame o corazón, non daba creto. Sería un delirio, un exceso de imaxinación? Pero non, alí estaba, escrito con claridade. Aquel lugar chamábase Pedra Figueira e encontrábase a carón de onde eu situara o conxunto máxico na novela.

Pasada a sorpresa, chegou a reflexión sobre o descubrimento que me levou a un gran pracer intelectual. A miña intuición, xa de por si gozosa, o proceso cognitivo que me conducira a unir a Pedra coa Figueira, facíase realidade. A miña comprensión dos elementos máxicos adquiría categoría de revelación. Sentín un profundo pracer. Tiven a certeza de que a unión da Pedra e a Figueira fora un elemento considerado máxico en tempos remotos e eu descubrírao a través do coñecemento e a intuición.

E o lugar? Como fun situar a Pedra Figueira xustamente alí? Pensara noutros montes e rexeiteinos. Elixín o Pindo, por que? Sen dúbida iso foi producto do azar. A unión da pedra e a figueira derivou dunha reflexión, tiña a súa lóxica. O lugar onde situala era azaroso. O Azar e a Necesidade de Jacques Monaud, un libro moi querido, fundamental na miña formación, proporcionábame a interpretación.

Anos despois volvín ao lugar. Confiaba en atopar un espacio concreto onde se manifestaran os prodixios. Tal vez algunha persoa maior soubese algo. Tiven sorte. Unha vella velliña descansaba diante da porta da súa casa, ante un pequeno xardín. Achegueime, pregunteille e, sen dubidar, indicoume o camiño. Antes de retirarme volvín probar sorte. Que había nese lugar? Ai!, dixo a anciá, cando nena sentinlle dicir a miña avoa que alí había encantos. Encantos! E, de novo, un frisonprofundísimo encheume de gozo.

Con todo, o lugar, estaba ermo e desencantado. Unhas figueiras pequenas, pardas, rechumidas, languidecían entre varios penedos poeirentos. Pouco duraron porque a estrada, que estaban ampliando, pasou por riba do sitio dos encantos. Así quedou, sepultado baixo a gordura viscosa e negra do asfalto, o lugar marabilloso de outrora. Pero, de feito, a maxia xa non existía. Non son as pedras nin as figueiras, nin as cruces ou outros fetiches os que teñen poder. Son os símbolos que lles outorgan, as metáforas coas que están dotados, o que lles confire valor.

Afortunadamente, hoxe, a ciencia vai superando o irracionalismo. Por iso non foron as crenzas, senón a reflexión a partir dos estudos mitolóxicos os que me conduciron a esta fantástica aventura literaria.

Foto de María Xosé Queizán

María Xosé Queizán

Conxugou toda a súa vida o ensino coa literatura. A súa ampla obra narrativa encádraa como unha das autoras máis relevantes das últimas décadas no panorama literario galego. Ademais, Queizán é sen dúbida unha das figuras indispensábeis para coñecer o movemento feminista en Galiza e no resto do Estado. Mais, canda os ensaios, esta autora viguesa tense internado con éxito polos camiños da poesía e do teatro. Sen dúbida, hai que salientar novelas súas coma "A orella no buraco", "Amor de tango", "O solpor da cupletista", "Ten o seu punto fresca rosa" ou "Sentinela, alerta".

Galería

Foto do monte Pindo Foto do monte Pindo Foto do monte Pindo Foto do monte Pindo Foto do monte Pindo

Localización

Mapa de localizacións

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:




Este espazo esta patrocinado por:
Consellaria de Cultura e Deporte Consellaria do Medio rural