Volver a vieiros

Onde sempre é bosque

O cervo pola fraga nova

O cervo corre pola congostra que el nunca ten visto percorrida polos graves carros antigos, antepostos quizais, polos ledos cabalos doutro tempo con xinetes sonoros, que agora xa non é máis ca carreiro, corga estreita: camiño de pequenos cervos que percorren a fraga nova e furan pra si subeiros mínimos na ramallada que enche por onde outrora foi a corredoira aberta, por onde séculos cantou saudoso carro, por onde roncou décadas intrépido tractor, antes de vir silencio de carricantas densas e paxaros que só rompe o estalar de flairas golpeadas polo flanco do cervo que avanza, que avanza por onde antes eran prados verdes, agras e vilares que xa non se coñecen, que na memoria non existen pero que inda cortan ou limitan os valados esbaltroados xa, as muradelas derrubadas, os varganzos que levan moitos soles e lúas desdentándose. Ouh, é o refuxio e reino do pequeno cervo que se chama corzo, cáparo, cervello, onde medran carballos, bidueiros, ameneiros, sabugueiros, sanguiños asombrados, débiles toxos onde o sol non bate, fentos, cabrinfollos, herbas, flores, e o cervo é o señor rei, e procura as clareiras onde o pasto é fresco, e nas beiras das fraga aínda hai prados a onde chega o tractor cos seus espantosos dentes, e algunha corredoira de ricas herbas, e tamén plantacións que fan os homes, e son de piñeiros e eucaliptos, e teñen rico pasto mentres as árbores non medran, e despois xa non, que sempre iguais non deixan que a herba viva. O cervo corre polo seu país, e canta unha canción salvaxe, e faise dono das antigas gabias, das carrilleiras sen cancelas xa, dos cómbaros que apenas se distinguen do que antes eran cabeceiras de chousas ben labradas. Ouh, e o país do cervo ten inverno e verán, e primavera pra nacer a folla, e outono pra caer en forma de ouro e ser pisada rumorosamente polo señor da fraga nova, da fraga que recobra o territorio antigo, de antes de vir os homes cos seus eixados de cavar e os seus arados de madeira e ferro. A fraga ceiba landras, e caguñas, e sámaras, lanza raíces que inzan, e de ano en ano medra e faise mesta e vai enchendo o mundo que os homes xa non pisan, pero non todo o mundo; ó seu redor os homes fan ruar tractores, abren regos entre os toxos bravos que aínda non son fraga, nos que eran prados de herba onde o cervo pacía cando o tractor non viña, e plantan, plantan. Plantan piñeiros e eucaliptos, forman esoutras fragas que non coñecen vran e inverno, as fragas sempre verdes feas que o cervello foxe, que se dispoñen ó redor da fraga fermosísima onde o cervo é señor e ten refuxio e cama, que a coutan e a constrinxen cun cinto afogadizo, que de repente estoupan en vermello quente, en bafo fumeante, en lume que circunda a fraga boa do corazón do mundo onde o cervello se refuxia e corre estarrecido polo subeiro que onte foi congostra de carros e tractores, e non sabe se o incendio ficará nas fronteiras ou entrará no corazón da fraga onde o cervo é señor, ou querería ser.

Foto de Darío Xohán Cabana

Darío Xohán Cabana

Aos seus 55 anos, este chairego, nacido en Roás, ten xa o seu nome escrito con letras maiúsculas na nosa literatura. Libros de poesía como Verbas a un irmao (1970); Romanceiro da Terra Chá (1973); Ábrelle a porta ó día (1981); Amor e tempo liso (1987); ou Canta de cerca a morte (1994) situárono na primeira liña da poesía galega. Mais Cabana tamén destaca como extraordinario narrador. Eis, entre outras, obras como Galván en Saor (1989); Vidas Senlleiras (1992); O cervo na torre(1994) e Morte de Rei (1996).

Galería

Foto dunha fraga Foto dunha fraga Foto dunha fraga Foto dun Cervo

Localización

Mapa de localizacións

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:




Este espazo esta patrocinado por:
Consellaria de Cultura e Deporte Consellaria do Medio rural