Volver a vieiros

Onde sempre é bosque

Nas montañas que soñan

A follaxe tapiza as abas de Os Ancares sobranceando aldeas espalladas como casiñas dos beléns que no Nadal fai a infancia. Mentres os cumes agardan pola primeira neve, a luz divírtese en acentuar uns poboados aos que a natureza lles fixo a encarga de dar dimensión humana a un circundo no que a pedra paredada se fixo sentinela da grandeza telúrica duns montes que se achegan en soños aos irmáns xeolóxicos do norte.

Seica foi neses soños onde aprenderon a lenda de Gösta Berling e botaron de menos os osos nativos, tan valentes como Gurlita máis sen precisaren para ser feridos dunha bala de prata. E seica tamén envexan os capudres fornidos como os seus castiñeiros e carballos. A cambio, tamén eles lles terán relatado aos irmáns das noites e os días longos a lenda da cerva da manciña de prata.

Pasar os Cabaniños e alcanzar Piornedo, arqueoloxía actualizada polas madeiras e os colmos anovados, é cruzar un dos túneles do tempo.

¡Manaia quen teña ocasión de facelo unha tarde soleada do outono, cando a follaxe aparece vestida de todas as colores e o río cantareiro aló no fondo se oculta cal virxinal doncela das miradas curiosas!

¡E manaia quen atope neste camiño unha muller á que non se lle pode botar a idade porque ten borrados os vestixios do tempo polas temperás enrugas!

Daquela, a paisaxe avivecerá coa voz humana que ela aprendeu duns ancestros capaces de dosificaren o golfarón das palabras buscándolles o xeito e paredándoas na conversa como fixeron os canteiros coas pallozas.

Sen dúbida quererá saber de onse se ven, se non é moita a pregunta, porque alí xa chegaron de todas partes, de Lugo, da Coruña, de Barcelona e de Bilbao, que para ela son o mundo.

Preguntará tamén que ten de atractivo aquilo do que a xente fuxiu abandonando casas e propiedades. E informará de que, así e todo, desde que chegan os coches, os emigrantes volven pasar os veráns para escapar da contaminación e do ruído, que aquela vida tampouco debe ser tan boa como din, que ela non se afaría alí. E de que, desde hai algún tempo, veñen ás veces xentes tomando nota, que polo visto son da Xunta de Galicia.

-Antes non era igual, andábase todo a pé. E moitísimo antes disto viñeron os mouros e deixaron ouro agachado baixo das laxes que quedan aquí a carón. Vide ver.

E conducirá aos visitantes á ermida que remata a aldea e ten ás costas as morrenas dun vellísimo glaciar. Seica foron estes cantos quen lles descubriron aos Ancares, coa súa voz alén de milenaria, que viñan sendo irmáns dos montes escandinavos, e mesmo dos alpinos, cos que soñan.

A luz irá virando as tonalidades mentres a muller di, xa dando a volta, que nos cementos das pallozas tamén ten que haber tesouros. Que quizabes xa atoparon algo cando furgaron nos muros para facer restauracións. “Pero iso han telo todo moi calado, digo eu”.

Antes da despedida, engadirá que alí non queda ninguén. Que o seu fillo está con ela porque quedou solteiro. Que se tivese muller onde el iría. E que así non nacen nenos e estas parroquias morren. E que cada inverno vai a menos a neve, aínda que o frío chégalle ben. Que se non tivesen tanta leña para queimaren sería imposible aquela vida. Iso que agora hai xentes que chegan para veren a neve e facer que esvaran por riba dela. Ben se nota que non tiveron que vivir as durezas do inverno cando as pallozas quedaban enterradas e había que cavar camiños dun metro de espesor para poder saír das casas.

Se se achega o serán, os montes irán virando cara a gama dos azuis e do azul pasarán ao morado ata que todo adormeza ao son dun río que ocultou a cara todo o tempo pero que non escatimou a súa música.

E se a lúa sae a tempo, O Ancares irán mostrando a forma dunha rosa de cen follas mentres se albisquen no camiño do retorno.

Foto de Helena Villar Janeiro

Helena Villar Janeiro

Nada en Becerreá, é poeta, narradora, articulista e tradutora, foi cofundadora do PEN Clube de Galicia. É presidenta da Fundación Rosalía de Castro. Recibiu numerosos premios, coma o Arume, Manuel Antonio, Modesto Rodríguez Figueiredo, Puro Cora ou o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de München. Algunha das súas obras: Na praia dos lagartos (2004), Morrer en Vilaquinte (1980), Paseos literarios(2000). Máis sobre ela na súa ficha da BVG.

Galería

Foto dos Ancares Foto dos Ancares Foto dos Ancares Foto dos Ancares Foto do Sigpac

Localización

Mapa de localizacións

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:




Este espazo esta patrocinado por:
Consellaria de Cultura e Deporte Consellaria do Medio rural