Volver a vieiros

Onde sempre é bosque

Os mouros do Monte da Silva

Hai moito tempo que non vou por Mondoñedo, así que non sei como seguirá o Monte da Silva, un dos lugares imaxinados da miña infancia e da miña mocidade.

Monte da Silva é, seino agora, una redundancia, posto que silva, "selva" é como chamaban os latinos ós montes arborados. Este Monte da Silva de Mondoñedo, en conceto, non é, desde logo, un lugar salvaxe senón un outeiro alto que se acobada sobre esa cidade docemente narcótica que é Mondoñedo, a terra da miña avoa. Non é a Silva  agreste, pero si hai algo misterioso nese monte, silandeiro coma un camposanto.

E é que é un camposanto, algo que moitos, mesmo en Mondoñedo, non saben. Meu pai, que pasou aló, a Guerra de neno contoumo moitas veces. Daquela, Mondoñedo era a retagarda dos exércitos de Franco, practicamente unha cidade-hospital á que se evacuaban os feridos da fronte de Asturias. Moitos deses feridos, dicíame meu pai, eran mouros, parte dos 70.000 marroquinos que loitaron contra a República convencidos polos seus qadies de que aquela loita era una yihad, unha guerra santa (érao, pero doutra relixión, e non é pouco irónico que os dous primeiros mártires da Cruzada se chamasen Ahmed e Iusuf... pero iso xa é outra historia).

Estes musulmáns agonizaban entre os muros de granito da vella Mondoñedo, enchéndoa de laios en árabe que conmovían e á vez aterrorizaban ás señoritas da cidade, como a miña avoa, que non obstante se impoñían a obriga de ir visitalos como ós demais feridos e levarlles algún agasallo. Meu pai ía con ela, e contábame que o único no que pensaba el, tan neno, era no estraño fez que portaban na cabeza, e que tiña un rabiño na parte de arriba. "Se hai un soldado inimigo no alto dunha árbore, pódelles tirar por ese rabiño e quedárselles coa pucha" pensaba o meu pai, e moitos anos despois, ó contarmo, ría da súa propia inocencia de pensar que na guerra todo o que se podía perder era o gorro.

Moitos, de feito, perdían a vida. Os mouros de Mondoñedo morrían a eito, e cando isto sucedía a Teoloxía tomaba o lugar da Política. Franco prometía o que Deus non estaba disposto a cumprir. O bispo non permitía que a estas xentes doutra relixión se lles dese terra no cemiterio vello de Mondoñedo, nin sequera na parte que chamaban "o camposanto dos estraños", reservada para os ateos, os suicidas e os nenos do limbo (aí está soterrado Leiras Pulpeiro, o gran poeta). Os corpos dos soldados africanos saían discretamente na noite, en carros, para soterralos no Monte da Silva, nunha cerimonia triste que, iso si, estaban obrigados a dirixir un crego castrense. Tan triste era que, isto contaba meu pai, ofrecíanlles ós nenos de Mondoñedo figos para que fosen aló e así, coa súa presencia, prestasen algo de solemnidade ó que non era senón a culminación dun engano. Pero pouca solemnidade debía de haber naqueles enterros baixo a chuvia lentísima e fría das Mariñas luguesas, oficiados por un sacerdote convencido de que soterraba herexes camiño do inferno e contemplado por nenos desconcertados mastigando figos doces. Que final para unha yihad.

Logo, na época en que Cunqueiro pasou en Mondoñedo a súa triste travesía do deserto, cando o Réxime lle prohibiu escribir na prensa e quedou sen cartos, adoitaba mirar moito para o Monte da Silva, como se ve nos escritos deses anos, onde o menciona varias veces para tomar nota, con esa precisión de científico lírico, se o cuco cantara xa ou se o vento movía as copas das árbores. En Un hombre que se parecía a Orestes, o percorrido que fai o personaxe para chegar a Argos responde exactamente á topografía do que ven a Mondoñedo pola estrada de Lugo. E aí está o Monte da Silva, disimulado como un bosque grego de sátiros e perigos (o bosque, en Grecia como en todas as demais culturas, era un lugar terrorífico).

Por desgracia, non teño man o meu exemplar de Tesouros novos e vellos (os libros teñen ese hábito de poñerse onde non deben) polo que non sei se tamén aí menciona Cunqueiro ó Monte da Silva nese elenco de bosques encantados. Nel, Cunqueiro repasa sobre todo o célebre Ciprianillo, o antigo manual dos buscadores de tesouros en Galicia, que tanta xente tomou ó pé da letra. Eu lino tamén de mozo, sen crer, e case quedei convencido de que había tesouros por toda Galicia, ocultos nos bosques. Logo, de adulto, comprendín que os hai, pero son os bosques mesmos...

No Ciprianillo, como se sabe, os tesouros están defendidos por tres clases de seres: os ananos, as fadas e os mouros. Os arqueólogos e antropólogos discuten agora que eses tales "mouros" o sexan no sentido que hoxe lle damos á palabra. Cren que é un termo anterior á chegada dos musulmáns á península que se referiría ós pobos preindoeuropeos ós que se supoñía unha pel máis escura (coma os brownies de Escocia, de nome tan similar). E parece ser que teñen razón. Aínda así, tanto o meu exemplar dos Tesouros novos e vellos como o do Ciprianillo están ilustrados abundantemente con árabes de turbante e cimitarra, feros gardiáns do ouro dos celtas.

E nisto era no que pensaba agora, precisamente: En que hai polo menos un lugar de Galicia onde os antropólogos engánanse e leva razón a lenda. No Monte da Silva de Mondoñedo si son mouros as pantasmas que vagan por entre as árbores na noite, víctimas improbables dun conflicto para eles sen sentido. Imaxínoos como unha Santa Compaña musulmana, aparecéndose na beira do camiño co seu fez na cabeza, e pedindo que os soterren apropiadamente, coa cabeza mirando para A Meca, e que alguén pronuncie o responso axeitado. Se fose crente, iría eu mesmo a pronunciar esas palabras Bismi? Allah, al-Rahmin, al-Rahim "No nome de Allah, o Clemente, o Misericordioso..." Para que puidesen descansar en paz eses soldados, gardiáns dun tesouro non de ouro e zafiros senón de humildes figos.

Foto de Miguel-Anxo Murado

Miguel-Anxo Murado

É xornalista, escritor e guionista. Licenciado en Xeografía e Historia, arqueólogo de formación, dedícase profesionalmente á literatura. Tocou todos os xéneros literarios: novela, relatos, poesía, ensaio, teatro e mesmo o guión de tv e cinema. Unha das súas obras máis exitosas foi Ruído, relatos de guerra (1995), Premio San Clemente de narrativa. No campo do xornalismo é columnista habitual en diversos medios, cubriu como reporteiro as guerras balcánicas e residiu varios anos en Oriente Medio, onde traballou para as Nacións Unidas, o Goberno da Autoridade Palestina e como correspondente de prensa. Máis sobre el na Biblioteca Virtual Galega.

Galería

Foto do monte da Silva Foto do monte da Silva Foto do monte da Silva Foto do monte da Silva Foto do monte da Silva Foto do monte da Silva Foto do monte da Silva Foto do monte da Silva

Localización

Mapa de localizacións

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:




Este espazo esta patrocinado por:
Consellaria de Cultura e Deporte Consellaria do Medio rural