Volver a vieiros

Onde sempre é bosque

Dosinda

Sei que soará estraño mais, como así era, así debo contalo. A miña familia sempre contou con membros incríbeis. E conste que non me refiro con isto a cuñados cos que non imaxinariamos emparentar, ou a xentes de personalidade desmedida, non. Refírome a auténticos membros incríbeis, seres que non son os esperábeis como membros do clan. Digo todo isto para ben vos preparar e que non vos altere en exceso o que vou dicir. O meu pai sempre contou entre os seus fillos a Dosinda. Mais como volo hei de explicar? Dosinda non naceu do ventre da mamai, de onde viñemos todos. Tampouco non vaiades pensar que o meu pai arrastraba as cargas dun matrimonio anterior, ou que andara en xoldas e deixara unha filla de moza por aí. Non é iso. Dosinda non é humana. Non quero dicir que sexa inhumana, que Dosinda sempre foi boa coma un pan. Dosinda é unha sobreira. Si, si, ben sei que vos sorprendo mais se as cousas son así, como farei para as contar? A ningún de nós, os fillos do Chicho, lle pareceu nunca raro ter como irmá unha árbore que, en matinando un pouco, axiña hase decatar calquera que os humanos somos mesmamente bechos e non outra cousa ningunha, e que igual que podes ter unha irmá falangueira e tarabela, ou un irmán lercho ou lacazán, podes ter un irmán árbore e mira que non o acabo de explicar ben, que tal e como o digo, semella un defecto ser árbore e non tal, nin nada que se lle pareza. Dosinda, xa o dixen, é unha sobreira. Quizais, se nos preguntasen, teriamos preferido outra árbore na familia. Particularmente a min gustaríame un érbedo, unha arboriña non moi alta, que tende as súas follas bicudas todo o ano, regalando a quen pasar os seus albedros vermellos, de pel granulada. E, de non ser un érbedo, teriamos ben onde elixir na nosa terra: daquela os canóns do Sil non eran coma hoxe rotas navegábeis para turistas contemplativos senón unha fraga salvaxe cortada polo río. As zonas chas, por riba do canón, estaban cubertas de cerquiños para, cara ao leste, pecharse nunha rede mesta de carballos mesturados con breixos e xestas, ademais dalgúns castiñeiros illados, hoxe máis abondosos. Nos recunchos esgrevios asomaban as aciñeiras, e nas beiras do río a vista detíñase en recoñecer salgueiros, amieiros, abeleiras, ademais de acariñar as manchas amarelas das mimosas. Porén o Chicho elixira unha sobreira, unha árbore enorme, fermosa coma esas mulleres que, logo de pariren moitas veces, adoptan as formas ensanchadas das deusas da maternidade, e producen en quen as contempla pensamentos lascivos, até o punto de resultar imposíbel miralas sen desexar mergullarse nelas. Dosinda sempre foi boa moza, efectivamente. Podería pórselle a pexa desa cortiza grosa e esponxosa, que fai comparar aos humanos, de seren moi tarugos, coa suposta incapacidade mental da sobreira, destinada a se facer rolla de botella. Mais isto son contos.

Ninguén pode contar o nacemento de Dosinda, que se produciría igual que o noso: por accidente, que se só nacesen os fillos programados, que pouca xente tería o mundo! Ninguén lembra ese momento, xa remoto, nin o nacemento cadrou ser episodio importante na vida de ninguén, a non ser para os biógrafos. Seguro que a semente de Dosinda se chantou na terra como por acaso moito tempo antes de que os meus se instalasen en Ferreira e se decatasen da importancia de ancorarse á terra con raíces propias. Porén o conto foi máis complicado. Cada vez que miña nai traía un novo fillo ao mundo, o seu home ía correndo co pico e a pa plantar unha árbore que nos suxeitase ao chan, para impedir que os soños nos fixesen voar tan alto que batésemos coa cheminea, dicía el, mentres prendía un cigarro, aínda que todos sabiamos que a árbore era un símbolo educativo, que el se movía polos principios da escola libertaria e pensaba que nos abondaría con ter diante o bo exemplo dun ser vivo medrando dereitiño para arriba, de xeito acaído, desafiando o vento que sopra, para que fósemos cumpridores e espelidos nas obrigas, ademais dun chisco rebeldes, que en deixarse guiar non hai submisión ningunha, senón fame de aprender. Cando naceu Rosa, a máis vella, meu pai puxo unha oliveira torta e nodosa, que nunca medrou ben, o que dá conta das dificultades da miña irmá para atopar a felicidade. Nunca conseguimos aceite dela, aínda ben que co tempo aprendín a usar as súas follas para baixar a febre, e as olivas verdes como tónico dixestivo. A xente di que as oliveiras escorrentan as meigas da casa. Non podo demostralo con seguranza mais, se non as meigas, a oliveira de Rosa escorrentou o seu marido, que marchou a Alemaña para non regresar. Celebrando o segundo fillo, o Xoán, o Chicho decidiu plantar unha tilleira que, esta vez si, se faría singularmente alta, coas follas en forma de corazón e as súas flores brancas e recendentes. Meu pai soubo con estas que Xoán sería quen de sacar adiante a súa casa e mais a de Rosiña se cumprise. Tres días antes de que nacese a María Celeste, a terceira dos fillos que terían, xusto a que me precedeu, meu pai trouxo da feira de Chantada unha maceira rara, coa casca do tronco rubia e aveludada. Teño para min que era unha especie ornamental, das que poñen nos pazos para abraiar as visitas mais meu pai, pobre e todo, quedou engaiolado con ela, e como lla deran nun plantón coas raíces á vista, meteuna na terra antes de que comezase o parto, non lle fose secar se a deixaba ao aire. As leis do universo esixen puntualidade. Iso, cando menos, pensou meu pai cando o parto se prolongou dous días. En canto viu a Rosa, miña nai, exhausta, e a escuálida criatura morta no berce, o Chicho chorou os sete chorares polas culpas que non tiña: “Ai, se agardase!” Miña nai, coma sempre, consolouno coa tenrura dos seus ollos de corza, ademais de tirar dalgún lugar que só ela coñecía, os folgos necesarios para alegrar de novo o seu home cun frenesí inusitado que me puxo a min no mundo a penas dez meses máis tarde. Entre o nacemento dunha e doutra nena, precisamente, meu pai adoptou Dosinda. Si, así foi, aínda que custe acreditar nisto. De camiño polo monte, viu a Dosinda ergueita, tan separada do resto, tan illada nun curuto, tan sen protección, que non o pensou dúas veces: cavou un círculo a unha distancia do tronco semellante ao espazo que ocupaban as follas e afondou na terra a tarde enteira. Xa era noite pecha cando trouxo a Dosinda para casa tal que se fose un ferido, a chorar unha pola rota cunha saiva branca e pegañenta, moi deitadiña sobre o carro até que a puxeron en pé a carón da casa, momento en que adoptou a postura digna mais humilde dunha garda que velase pola concordia doméstica. Desde aquela, Dosinda e María Celeste foron unha e a mesma, e meu pai conseguiu o que desexaba, un tótem para escorrentar os malos espíritos e meter a presenza da nena morta na casa. A partir daquela, puñámoslle a Dosinda un anaco de torta en cada aniversario, engalanabámola polas festas patronais, teciámoslle bufandas contra a xeada de febreiro, e xantabamos canda ela no verán, aínda que para iso tiñamos que poñer a mesa máis lonxe, deixando a parra para os clientes da baiuca e reservando un espazo da horta para a comida íntima da familia.

Como unha irmá máis, Dosinda tomou parte nos xogos da infancia: cando alguén se enfadaba acudía á súa beira para lle contar a lea entrementres lle tiraba anaquiños de tona, tal como se estivese a peiteala. Dosinda gardou os tesouros de cadaquén en caixas de madeira que metiamos nun seu burato do peito, perdón, do tronco até que se formaba un rebumbio alí dentro con tantos segredos mesturados que unha man descoñecida acababa por remediar a situación tirando con todo. Dosinda chamou polos paxaros para que nos cantasen cando ficabamos enfermos na cama sen irmos á escola e acubillou esquíos só para que os vísemos correr libres, como dicía meu pai, “igual que proletarios instruídos, asociados a nós, mais non nosos, que nin os esquíos nin os proletarios naceron para escravos”. Dosinda soubo das pelexas e das coitas de amor, permitiunos apertala, e percorrela: Román, nun verán que pasou moi rabudo, instalóuselle en riba da copa e só a deixaba pola noite para se atracar de comida ás escuras. E cando a miña irmá Rosa tivo a Iria, naquel embarazo prematuro que nos converteu a todos en tíos en plena infancia, Dosinda coidou da nena como ninguén, que lla pendurabamos nunha hamaca que trouxera de Venezuela a muller de Avelino, o canedo, e tan ricamente: a nena a se bambear farfallando a súa linguaxe de extraterrestre e Dosinda a mexela e arrolala orgullosa da súa afillada. Dosinda é da familia, o cal non ten nada de raro, se ben se mira, porque pertencer a unha familia é un acto voluntario, que todos sabemos de irmáns que non se falan con seren da mesma especie, non? Logo non terá nada de particular que se poida adoptar un fillo e querelo como de carne propia, porque a memoria da carne é débil e as nais esquecen tan rápido as dores do parto que non quererán os fillos por seren ou non do seu sangue. “E, se non ten nada de raro querer un fillo adoptado, non será tampouco tan especial que teña o pelo verde”, dicía o Chicho para nos facer rir cando estabamos todos en reunión baixo a Dosinda.

Así, a medida que Rosa ía parindo, Chicho ía plantando, que nunca foi visto traballando de non ser nesas ocasións especiais e así, co meu nacemento chegou a plantar un magnolio de folla caduca que nos deixaba pampos cando remataba cada inverno cunha follas grandes, que semellaban os nenúfares que viñan pintados nos contos, nenúfares aboiando entre os campos de millo... Sempre me chamaron fermosa mais non creo que fose por méritos meus senón polo impacto que en toda Ferreira causaban as flores dese magnolio que me simboliza. Cando veu Néstor, o xardineiro decidiuse por un teixo e aí comezaron os problemas. Con toda probabilidade o meu irmán ficaría envelenado pola súa árbore, tan tóxica que a deixaron de plantar porque envelenaba os cabalos, unha árbore maldita posto que as nais celtas no monte Medulio llela deron de comer aos seus fillos para que non se rendesen nunca aos romanos. En fin, non había bos agoiros para Néstor desde o nacemento mais, en honor á verdade, a madeira do teixo é de boa calidade e resiste á podremia: quizais ao seu abeiro chegue Néstor a vello. Para Daniel, o pequeno, o meu pai gardou o hibisco, unha roseira da China, que escintila na súa beleza mais demanda chans permeábeis, que non se aneguen coa súa rareza, e deixen correr as augas do minúsculo que tanto lles presta comentar ás persoas larapetas. Cadaquén ten a súa árbore e Dosinda entre todas nos guía. O meu pai, que xa vai vello e cada pouco nos dá un susto, pediume o outro día que cando morra bote as súas cinzas baixo Dosinda: “Vaime sendo hora e non quero deixar a tarefa sen facer. Levo comido moito estes noventa anos que xa teño. Agora é a miña quenda: hei devolverlle á terra o que a terra me deu”. Como me viu os ollos húmidos, non o puido resistir: “Con esta boa planta do teu pai, xa verás... aínda vai medrar un palmo a Dosinda”.

Teresa Moure

Teresa Moure

Naceu en Monforte. É doutora en Lingüística Xeral e exerce a docencia na Universidade de Santiago de Compostela. Moure é unha das autoras máis laureadas dos últimos anos. En 2004 fíxose co premio Lueiro Rey grazas á novela curta A xeira das árbores. Ese mesmo ano revélase como unha notábel ensaista e gaña o premio Ramón Piñeiro con Outro idioma é posíbel. En 2005 a súa novela Herba Moura, que tivo un importante éxito de crítica e público, logra o Xerais. Este ano viu a luz a súa novela Benquerida catástrofe e tamén consegue o premio Rafael Dieste de teatro pola súa obra Unha primavera para Aldara.

Galería

Localización

Mapa de localizacións

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:




Este espazo esta patrocinado por:
Consellaria de Cultura e Deporte Consellaria do Medio rural